CULTURA

Nani García presenta o seu novo disco, "Serendipia", dentro do ciclo Sons’14 Jazz

19/09/2014 Tras a súa primeira publicación en trío, "Renaissance", Nani García estrea o seu segundo traballo con esta formación. Simón García no contrabaixo e Miguel Cabana na batería acompañan de novo a Nani nunha proposta orgánica baseada nas súas propias composicións, o que lle confire ao trío un son moi especial, orixinal e contundente. Trátase de Serendipia e poderemos escoitalo este sábado, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, a un prezo de 10 euros anticipada e 12 o día do concerto, poden mercarse na billeteira do Principal de 18:00 a 21:00 horas, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Serendipia é un traballo que vén confirmar as expectativas postas nesta formación dende a primeira entrega. Nani García, (A Coruña, 1955), vompositor, músico e produtor musical, inicia a súa formación musical en composición e jazz en Suecia entre os anos 1976 e 1980 ao tempo que cursa estudos de lingüística nas Universidades de Upsala e Estocolmo. Ao seu retorno a Galicia forma parte dos diversos grupos de jazz da época. Fundador do grupo Clunia a principios dos anos 80, a súa carreira comezou como pianista de jazz, actividade que mantén alternando coa súa faceta de compositor. Solista, produtor musical, adaptador e compositor, conta cunha longa experiencia nos diversos formatos do medio audiovisual (anuncios, tele series, vídeo exposicións).

Autor de bandas sonoras para longametraxes de animación e ficción, obras de teatro, curtametraxes, programas de TV, conta con máis de 100 publicacións entre obras de jazz, producións audiovisuais e producións para outros artistas. En 2010 estrea un concerto para clarinete baixo e orquestra de vento e recibe o encargo de composición dunha obra para a OSGA (Orquestra Sinfónica de Galicia). O seu selo persoal queda plasmado en obras do cine de animación como De Profundis, Engurras ou a multigalardoada curtametraxe de animación O Xigante, o cal o sinala como un dos especialistas no xénero. Dende o ano 2009 dirixe o Festival Internacional de Jazz de Vigo Imaxina Sons.

Jorge Pardo, Maria Joao, Mario Laginha, Baldo Martínez, Tom Gullion, Perico Sambeat, Kenny Wheeler, Pablo Milanes, Mathew Simon, Paolo Fresu, Ainhoa Arteta, Amancio Prada, MichaelMacGoldrick, Dulce Pontes, Tom Gullion, Karen Mathesson, Paco Charlín, Alfonso Moran, Victor de Diego ou Tom Hornsby son algúns do artistas cos que ten colaborado.

Compartir: