ALCALDÍA

O alcalde destaca que Compostela Gastronómica nace con tres valores diferenciais: o produto galego, a Praza de Abastos e os nosos cociñeiros

19/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, nun acto celebrado na Praza de Abastos e ao que tamén asistiron a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis. O obxectivo do evento, organizado por Turismo de Santiago, é amosar as posibilidades dos produtos e da restauración de Galicia como atractivos turísticos. Para isto empregarase o Mercado de Abastos como plataforma de promoción xa que, ao mesmo tempo, é o segundo lugar máis visitado de Santiago e un lugar de referencia para os profesionais da gastronomía galegos. Compostela Gastronómica celébrase do 19 ao 28 de setembro.

Agustín Hernández afirmou ser consciente da "importancia que a gastronomía ten para a cidade", xa que "a nosa gastronomía é parte da nosa cultura, da nosa forma de vivir", así como "un dos piares económicos da nosa cidade, no que interveñen produtores, distribuidores, comerciantes, cociñeiros e comensais". De aí a aposta municipal, dixo, por Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega.

O alcalde apuntou como obxectivos do Festival "potenciar a nosa gastronomía", porque, ao mesmo tempo, é "potenciar a nosa cultura e potenciar a nosa economía". Por ese compromiso cos sectores vinculados coa gastronomía, explicou, "prescindimos de repetir modelos e de confeccionar un programa que o mesmo se podería facer en Santiago que noutro lugar". "Ao contrario, pensamos que Santiago merece un evento gastronómico único, que estea á altura da súa gastronomía única", engadiu.

Apuntou que se abren dez días de festa gastronómica arredor da cociña galega. Daranse cita en Santiago 33 relatores, máis de 700 inscritos –que aínda poden aumentar- para 14 encontros con cociñeiros e16 talleres de cociña; e 25 restaurantes da nosa cidade participantes nunha ruta de menús de mercado, cun prezo único e axeitado para boa parte das economías.

Neses dez días, indicou o alcalde, haberá tres protagonistas que "son precisamente os nosos valores diferenciais": o produto galego, o Mercado de Abastos e os nosos cociñeiros. "O labor rigoroso de produtores, praceiros e cociñeiros está a conformar unha potente cadea de traballo que une e lle dá fortaleza á nosa gastronomía", subliñou, destacando que dese traballo conxunto sae un "produto final de extraordinaria calidade", que se poderá apreciar en Compostela Gastronómica.

Por todo isto, concluíu que o Festival "só é posible grazas aos milleiros de persoas que cada día traballan en toda Galicia para facer da nosa tradición gastronómica un valor de futuro, un reclamo para os que nos visitan, un privilexio e un motivo de orgullo para todos nós".

Actividades para todos os públicos
Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, é un evento lúdico dirixido ao sector profesional, a xornalistas e creadores de opinión, e ao público final, para gozar das diferentes perspectivas da gastronomía. A filosofía do evento é de "coas mans na masa", de modo que o asistente sexa parte activa da experiencia, nunha intervención integral na que participan a arquitectura do Mercado de Abastos, os postos do mercado, os produtores, os cociñeiros, a cidadanía e o conxunto de servizos da cidade.

A sede do festival é o Mercado de Abastos, un centro líder na comercialización de produtos frescos de Galicia e, tras a Catedral, o segundo monumento máis visitado polos peregrinos e turistas que chegan cada ano a Santiago. Gran parte das actividades do programa desenvolveranse na nova Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, un espazo moderno e diáfano deseñado para dar cabida a todo tipo de actividades vinculadas á gastronomía.

O programa de Compostela Gastronómica conta con múltiples actividades para poder gozar das distintas perspectivas da cociña. Haberá xornadas e obradoiros nos que participarán 33 relatores, sumando 19 cociñeiros e 14 especialistas en diferentes áreas gastronómicas. Tamén haberá obradoiros gastronómicos para nenos e nenas para fomentar a alimentación saudable e o consumo de froitos e verduras cun enfoque divertido e creativo.

O Mercado de Abastos acollerá ademais o Espazo Gastro, onde se poderán probar as tapas creadas por 15 establecementos da cidade, que ocuparán diferentes postos do propio Mercado, nunha fusión de produtos e tapas, acompañada de actuacións musicais. O primeiro Espazo Gastro celebrarase o sábado 20 entre as 12.00 e as 15.00 horas. Os tres seguintes serán o xoves, venres e sábado da próxima semana.

Compostela Gastronómica tamén se celebrará nos propios restaurantes da cidade coa Ruta ‘Menús de Mercado’, na que 25 restaurantes da cidade ofrecerán durante dez xornadas creacións especiais elaboradas en base aos mellores produtos do Mercado de Abastos de Santiago. Todo o programa do evento pode consultarse en www.compostelagastronomica.es. As inscricións poden facerse a través da web ou no punto de información do evento no propio Mercado de Abastos. Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

Compartir: