ALCALDÍA

Agustín Hernández participou na apertura do I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo da OMT

17/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou na cerimonia de apertura do I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo da Organización Mundial de Turismo (OMT), dentro dos actos conmemorativos do VIII centenario da peregrenación de San Francisco de Asís a Compostela (1214-2014). O acto presidiuno o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

35 ponentes dos cinco continentes e máis de 350 persoas participan neste evento, que aborda o fenómeno das peregrinacións dende diversos ámbitos. Ata o 20 de setembro, o Congreso pretende por de relevo a importancia para o turismo do legado histórico e cultural das peregrinacións, tanto das súas vertentes relixiosas e seculares como das rutas espirituais.

Ademais, discutirase sobre o papel do turismo nas políticas e estratexias para a salvagarda da identidade cultural e a xestión do patrimonio ao longo dos camiños e as rutas. Así, incidirase na contribución positiva das peregrinacións ao crecemento sustentable e responsable do turismo, así como a achega do turismo ao entendemento internacional.

O programa desenvolverá diversos aspectos vinculados aos lugares sacros. A organización estima que a peregrinación de crentes provenientes de diversas confesións pode impulsar o turismo internacional e, xa que logo, o desenvolvemento local, como se constatou nas últimas décadas.

Direccións relacionadas



Compartir: