CONSORCIO

A Real Filharmonía inicia a temporada con óperas coñecidas polo gran público como "Orfeo e Eurídice" ou "O barbeiro de Sevilla"

17/09/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) arranca a súa nova temporada de concertos cunha homenaxe á ópera. A cita terá lugar este venres, 19 de setembro, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. Este concerto, que conta coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, será gratuíto para os abonados previa retirada de invitación. O custo para o resto dos asistentes será de 10 euros.

A batuta levaraa o madrileño Andrés Salado, director artístico e titular da Joven Orquesta de Extremadura e director residente na Ópera de Viena. O mestre destaca que "temos un programa moi interesante e moi especial, diferente ao que se soe escoitar nunha gala lírica ao uso. É algo máis sofisticado e complexo; un programa difícil de interpretar, de cantar e de dirixir. É un reto como comezo da temporada, tanto para a orquestra como para min. Navegaremos por moitos estilos diferentes, dende o Barroco ata o Romanticismo tardío ou o nacionalismo musical español e checo".

"A Real Filharmonía de Galicia é unha orquestra especial, moi coñecida polo seu estilo e pola súa marcada personalidade, con moita disciplina. O feito de que me deran a oportunidade de abrir a temporada é unha honra da que estou moi agradecido e unha aventura que afronto con moita ilusión", manifesta Salado.

Arias para todos os públicos
O concerto iniciarase con Orfeo e Eurídice, do compositor alemán Christoph Gluck (1714-1787). En primeiro lugar, a orquestra interpretará a obertura desta ópera, que trata a baixada aos infernos de Orfeo para recoller á súa amada, pero ela non pode subir aos ceos porque el a mira. A continuación, os músicos tocarán a aria que pecha o primeiro acto desta obra e que representa o momento no que Cupido lle di a Orfeo que pode recuperar a Eurídice.

Logo a orquestra achegará ao público a Sinfonía nº 30 de Mozart, que pertence ao período xuvenil do xenial músico. Caracterízase por un ton brillante e animoso, tan propio da música mozartiana.

A RFG interpretará ademais a obertura e unha aria do primeiro acto de O barbeiro de Sevilla, do compositor italiano Gioacchino Rossini (1792-1868), coñecido polas súas óperas, en particular polas cómicas. É unha das grandes obras mestras da comedia dentro da música e está recoñecida como unha das mellores óperas bufas de todos os tempos. Douscentos anos despois da súa estrea, a súa popularidade segue crecendo.

Goyescas, a primeira ópera española estreada no Metropolitan de Nueva York
A segunda parte do concerto comezará co intermezzo e a canción "La maja y el ruiseñor" da ópera Goyescas, do catalán Enrique Granados (1867-1916), inspirada nas pinturas de Goya. É a primeira ópera española estreada no Metropolitan Opera de Nueva York, en 1916, onde tivo grande éxito.

Por último, a orquestra interpretará pezas de dúas obras do compositor austrohúngaro Antonín Dvorák (1841-1904). Trátase da "Canción á lúa" de Rusalka -a aria máis coñecida desta ópera, na que unha ninfa que adopta forma humana por amor lle pide á lúa que busque o seu príncipe e lle confese o seu amor- e varias partes da Suite checa.

A voz da mezzosoprano Clara Mouriz
Neste concerto homenaxe á ópera, os músicos estarán acompañados pola voz da donostiarra Clara Mouriz, unha das mezzosopranos máis apaixoantes da súa xeración. Asentada en Londres, debutou no Wigmore Hall en 2007, desenvolvendo dende entón unha carreira internacional con aparicións regulares en Europa, en particular no Reino Unido, onde foi distinguida con varios galardóns. O Sunday Telegraph describiuna como "a crème de la crème" do novo talento musical en Inglaterra, recibindo a máxima cualificación de cinco estrelas polo seu último recital no Wigmore Hall. Ten colaborado coas orquestras máis prestixiosas, dirixida polos mellores mestres.

Compartir: