ALCALDÍA

Santiago de Compostela viviu nas rúas o mellor ciclismo e proxectouse ao mundo na última etapa da Volta Ciclista a España

14/09/2014 Composteláns e visitantes saíron ás rúas da cidade para gozar, malia a choiva, da última etapa da Volta Ciclista a España. A proba contra o reloxo entre a Cidade da Cultura e a praza do Obradoiro, gañada polo corredor italiano Adriano Malori, puxo fin a esta edición de La Vuelta, gañada por Alberto Contador. Foi unha xornada de deporte e de lecer, con diversas actividades paralelas á carreira, e unha oportunidade para proxectar Santiago cara o mundo a través dun evento que chega a 178 países.

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, desprazouse ata a Cidade da Cultura para cortar a cinta de saída da última etapa da Volta Ciclista a España. Durante unhas tres horas, o público puido observar o paso dos ciclistas por un percorrido de 10 quilómetros que incluíu: rúa Manuel Fraga, Fontes do Sar, rúa Londres, rúa Roma, rúa San Lázaro, rúa da Muíña, rúa Porto de Amio, rúa Mariñeira, rúa Seoane, rúa Amio, avenida de Asturias, glorieta do Cruceiro da Coruña, praza de España, San Caetano, praza da Paz, avenida Xoán XXIII e praza do Obradoiro.

O último en saír foi o líder, Alberto Contador, que chegou a esta última etapa coa vantaxe suficiente como para que non correra perigo a súa camisola vermella. En calquera caso, eran moitos os corredores que aspiraban ao prestixio de ser o gañador da última etapa da Volta, se ben só os primeiros en saír, coa estrada seca, puideron aspirar ao trunfo. Esta honra foi para o italiano Adriano Malori, que gañou a etapa por diante do australiano Jesse Sergent. O gañador recibiu o seu premio de mans do alcalde.

A cerimonia de premios seguiu coa entrega da camisola vermella a Alberto Contador. Logo da entrega dos galardóns ao gañadores das diferentes clasificacións, o acto rematou coa subida ao podio do gañador e do segundo e terceiro clasificado, Chris Froome e Alejandro Valverde, e coa interpretación do Himno español.

A continuación, Alberto Contador subiu ao Pazo de Raxoi para asinar no Libro de Honra, acompañado polo polo alcalde, quen lle entregou un agasallo.

A festa continuou na praza do Obradoiro cun espectáculo audiovisual creado para a ocasión, con proxección mapping sobre a fachada central do Pazo de Raxoi de imaxes de Galicia, o Camiño, Santiago e a Volta, acompañada de luz e son. A xornada pechouse co concerto de Russian Red.

Direccións relacionadas



Compartir: