CULTURA

A semana oficial do festival Curtocircuíto celebrarase do 6 ao 11 de outubro

13/09/2014 O alcalde de Santiago e presidente do consello Reitor do Auditorio de Galicia, Agustín Hernández asinou o contrato de dirección do Festival de Curtametraxes Curtocircuíto con Pela del Álamo, realizador e produtor de recoñecido prestixio.

Galego e licenciado en Comunicación Audiovisual (2002) e Máster en Documental de Creación pola Universidade Pompeu-Fabra en 2006, Pela iniciou a súa carreira profesional no ano 2001 e dende entón traballou en publicidade, ficción e televisión. En 2005 crea Diplodocus Producións e empeza a combinar esa actividade profesional cos seus proxectos propios, sempre no ámbito do cinema documental. Dende o ano 2009 participa no laboratorio El retrato filmado, coordinado por Marta Andreu e organizado polo festival Play-Doc. Entre outras pezas, produciu e dirixiu A Cuarta Pista (44’, 2006) e N-VI (86’, 2012). O seu traballo levoulle a DocsBarcelona Pitching Forum, Alcances, Play-Doc, Mediterranean Filme Festival, DokuFest ou ao Festival de Málaga.

Curtocircuíto naceu en 2004 coa intención de potenciar e premiar a creación audiovisual no eido da curtametraxe e xa se converteu nun referente internacional deste formato. Este ano 2014 celebramos a 11ª edición do festival do 6 ao 11 de outubro.

O festival será presentado en rolda de prensa a semana vindeira. ofrecendo seccións habituais e algunha sorpresa.

Compartir: