ALCALDÍA

Agustín Hernández anima os composteláns a vivir nas rúas o espectáculo da última etapa da Volta Ciclista a España

12/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, animou a composteláns e visitantes a gozar do "espectáculo único" da etapa final da Volta Ciclista a España. A carreira remata este domingo en Santiago cunha etapa contra o reloxo entre a Cidade da Cultura e a praza do Obradoiro.

Agustín Hernández quixo presentar "desculpas polas molestias e inconvenientes que se poidan derivar dos necesarios labores de organización e coordinación ao longo de boa parte da xornada". Neste sentido, afirmou ser consciente de que "haberá moitos veciños e veciñas que se vexan afectados polas esixencias dun complexo operativo, imprescindible para o axeitado desenvolvemento da proba".

"Dende o Concello estamos a ofrecer a máxima colaboración e participamos de forma moi directa na organización, tratando de minimizar os efectos das restricións circulatorias ao longo dos preto de 10 quilómetros de percorrido, entre a Cidade da Cultura e a praza do Obradoiro, e ao longo das nove horas durante as que se verá afectado o tránsito na cidade, entre as 12:00 e as 21:00 horas", explicou o alcalde. Mostrouse confiado na "boa disposición e na comprensión do conxunto da cidadanía para contribuír a minorar os efectos dunha medida totalmente necesaria para garantir a seguridade, tanto dos participantes na proba, como dos membros da organización e do conxunto dos espectadores".

Dito isto, o rexedor municipal lembrou a importancia que para a nosa cidade supón ser a meta desta competición, o lugar onde se dá a coñecer o campión da carreira. Por esta razón fixo un chamamento á participación veciñal, "enchendo as beirarrúas para seguir esta etapa final, para apoiar aos deportistas e para poñer de manifesto o espírito deportivo que tamén latexa nesta cidade".

Cualificou esta etapa final da Volta como un "espectáculo único" e "unha oportunidade inmellorable para ver de preto os mellores ciclistas do momento e facelo en directo, nas prazas e rúas da nosa cidade".

"A masiva presenza de cidadáns nas rúas para apoiar unha das competicións ciclistas máis importantes a nivel mundial é unha boa forma de axudar a proxectar Santiago e darlle a coñecer o resto de España e do mundo o carácter aberto, hospitalario e participativo da nosa cidade", indicou o alcalde.

Compartir: