XUNTA DE GOBERNO

Un novo servizo garantirá o mantemento de edificios e instalacións municipais

12/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, deu conta da adxudicación pola Xunta de Goberno do novo servizo de conservación, reparación e pequena reforma ou ampliación de diversos edificios e instalacións municipais. Nesta mesma sesión ordinaria deuse o visto bo ao proxecto de mellora da Carreira do Conde e aprobáronse varios investimentos para incrementar a eficiencia enerxética das instalacións de alumeado público.

O contrato de mantemento de edificios municipais foille adxudicado á empresa Espina y Delfín por un importe de 630.800 euros. Esta cantidade será abonada en dúas anualidades: 185.000 euros en 2014 e 445.000 euros en 2015.

Tal como explicou o alcalde, "a través deste contrato poderanse acometer as obras que se consideran máis prioritarias dentro do amplo abano de competencias municipais". Así, destacou, " o apartado que recibirá unha maior achega serán as infraestruturas educativas, que recibirán un 63% do investimento previsto, 400.000 euros". "Con esta cantidade –dixo- poderanse complementar de forma inmediata as actuacións realizadas antes do inicio do curso e darlle resposta as demandas máis prioritarias da comunidade educativa".

Tamén importante e a achega para servizos xerais municipais e servizos sociais, aos que se destina un 28% do total, 100.000 e 77.500 euros, respectivamente.

En definitiva, indicou Agustín Hernández, "este servizo vaille permitir ao Concello actuar con dilixencia e con axilidade e afrontar aquelas obras que se consideran máis urxentes en cada un dos ámbitos aos que nos temos referido".

Eficiencia enerxética
A Xunta de Goberno tamén aprobou a encomenda de melloras de eficiencia na iluminación pública. Apróbanse tres investimentos: un de substitución de lámpadas incandescentes por outras de tipo LED en equipamentos municipais, un de instalación de reloxos astronómicos nos sistemas de alumeado público e outro de substitución de luminarias nos parques Pablo Iglesias e Ponte Mantible.

En canto á primeira actuación, o alcalde explicou que se trata da substitución de 1.225 lámpadas incandescentes polas de tipo LED de alto rendemento en distintas instalacións dependentes do concello: centros socioculturais, pavillóns polideportivos, escolas públicas, colexios e mesmo no edificio do Pazo de Raxoi.

Entre as intervencións máis significativas, destacou as 106 lámpadas que se van substituír no Centro Sociocultural de Conxo ou as 68 no do Ensanche. Tamén se cambiarán 30 lámpadas no pavillón polideportivo Lorenzo La Torre, 194 no CEIP das Fontiñas, 74 no CEIP Pío XII e 701 no Pazo de Raxoi.

O investimento será de 28.857 euros, só para o material, xa que a man de obra será do propio persoal de mantemento. "Suporá unha redución da potencia instalada nun 82%, pasando de 77.290 a 13.580 vatios, o que se traduce nun aforro medio estimado de 12.742 euros ao ano", apuntou o rexedor municipal.

A segunda actuación consistirá na instalación de reloxos astronómicos nos sistemas de iluminación públicos. Cambiarase o actual mecanismo de activación das luminarias, de células fotoeléctricas, por reloxos dixitais programadores astronómicos.

"Esta medida xa se lle foi aplicando a boa parte dos equipos aproveitando a realización de traballos de reforma, pero faltaba aproximadamente un 20% por cambiar, sobre todo nas zonas rurais", indicou. Actuarase sobre 110 centros de mando, a través dos que se controlan arredor de 1.770 puntos de luz, cun investimento de 15.306 euros.

O alcalde explicou que o novo sistema de control é independente do nivel exterior de luz e actúa mediante un programa que se axusta ao abrente e ao solpor, adaptándose perfectamente aos niveis de luz que existen no lugar.

Unha das principais vantaxes destes reloxos é que non sofren as variacións que pode ocasionar o lixo nas células fotoeléctricas á intemperie, nin se ven afectados polo envellecemento e deterioro propio dos sensores lumínicos. "Pero, sen dúbida, a maior vantaxe radica no aforro que supoñen, estimado nuns 54.340 Kw/ano, o que equivale a preto de 10.900 euros/ano e unha amortización estimada en pouco máis dun ano", apuntou Agustín Hernández.

Por último, a terceira actuación vai dirixida a substituír as luminarias existentes nos parques públicos de Pablo Iglesias e Ponte Mantible, situados entre os barrios de Vite, San Caetano e Guadalupe. Cambiaranse as luminarias de tipo globo existentes, que teñen lámpadas de vapor de sodio de alta presión, por dispositivos LED de alto rendemento.

O aforro enerxético previsto neste caso é dun 52% (de 19.444 a 9.160 kw/ano), incorporando programadores dixitais astronómicos para o seu funcionamento. "Apreciarase, ademais, unha mellora na calidade da iluminación, por tratarse de luz cálida moi semellante á solar e por tratarse de LEDS direccionables, que non desperdician a luz superior como acontece coa iluminación de luminarias de globos actual", indicou.

O investimento previsto neste caso é de 41.203 euros, que permitirá actuar sobre 59 lámpadas nesa zona.

Reurbanización de Carreira do Conde
A Xunta de Goberno tamén continuou avanzando na tramitación do proxecto de remodelación da rúa da Carreira do Conde, para convertela nunha vía peonil e mellorar a súa conexión coa avenida de Xoán Carlos I e coa propia Alameda. Tras aprobar a anterior semana a posta a disposición da Xunta dos terreos, agora deuse o visto bo ao proxecto construtivo.

Lembrou o alcalde que esta actuación afectará a 3.866 metros cadrados. A rúa converterase en peonil, aínda que con acceso rodado restrinxido para garaxes, así como para carga e descarga comercial.

Colocarase pavimento principalmente de pedra, integrarase a escaleira que conduce á igrexa do Pilar e a fonte pública existentes e ampliarase a zona axardinada nun 45%, ata totalizar 1.800 metros cadrados. O orzamento recollido no proxecto básico e de execución é de 540.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: