MOBILIDADE

Restricións circulatorias e desvíos do transporte urbano con motivo da chegada a Santiago da Volta Ciclista a España

11/09/2014 O vindeiro domingo 14 de setembro remata a Volta Ciclista a España na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Con tal motivo produciranse unha serie de restricións circulatorias na cidade que afectarán ao percorrido da proba: saída da Cidade da Cultura, avenida Manuel Fraga, Fontes do Sar, rúa Londres, rúa Roma, rúa San Lázaro, rúa da Muíña, rúa Porto de Amio, rúa Mariñeira, rúa Seoane, Amio, avenida de Asturias, rotonda Cruceiro da Coruña, avenida do Cruceiro da Coruña, praza de España, San Caetano, praza da Paz, Xoán XXIII, San Francisco e Obradoiro.

A proba comezará ás 17.23 horas e está previsto que remate ás 20.30 h.

As restricións serán as seguintes:

- O percorrido quedará cortado á circulación desde as 12.00 ás 21.00 horas do domingo 14.
- Quedará prohibido estacionar no percorrido desde as 15.00 horas do sábado 13, así como na rúa Carretas, avenida de Figueroa, Hortas e na explanada do Auditorio de Galicia.
- Pregamos se utilicen os estacionamentos da cidade así como os aparcamentos de Salgueiriños, San Lázaro e o polígono de Costa Vella.
- Os vehículos procedentes de Santa Comba deberán circular por Vista Alegre-Salvadas-Galeras e San Lourenzo. Os que accedan desde A Coruña cara Pontevedra, Noia, Ourense ou Santa Comba-Carballo serán desviados pola SC-20 ou pola AP-9, así como os que procedan do sur.
- Para permitir a saída dos veciños das rúas Lino Villafinez e Modesto Brocos habilitarase un carril cara a avenida do Burgo das Nacións. Non obstante recoméndase que na medida do posible se retiren os vehículos da zona antes das 12.00 horas do domingo, ante a posibilidade de que a afluencia de asistentes dificulte a saída.
- Recoméndase tamén aos veciños do Viso, rúa Carballa (Amio) e Costa Vella que retiren os vehículos antes das 12.00 horas do domingo.
- Os desvíos estarán debidamente sinalizados.

Desvíos do transporte urbano e servizo especial

Por outra parte, produciranse desvíos en 9 das 11 liñas do transporte que prestan servizo os domingos. Durante os desvíos, todas as paradas do transporte urbano poderán utilizarse polos usuarios como paradas alternativas independentemente da liña (todos os autobuses realizarán as paradas solicitadas, pertenzan ou non ao seu percorrido habitual, coa excepción dos servizos denominados como especiais lanzadeira).

Precisamente, establécense dúas liñas de servizo especial, dende as 12:00 e ata as 20:00 horas, de xeito continuado, cos seguintes itinerarios:

- SERVIZO ESPECIAL LANZADEIRA RÚA RAMÓN PIÑEIRO – CIDADE DA CULTURA (acceso Sur). Punto de saída: rúa de Ramón Piñeiro (lateral do Parlamento de Galicia), directo ata a Cidade da Cultura.

- SERVIZO ESPECIAL LANZADEIRA: ESTACIÓN DE AUTOBUSES – PRAZA DE GALICIA. Puntos de saída: parada do transporte urbano na estación de autobuses e praza de Galicia, parada 410 (Banco de Santander)

Compartir: