TURISMO

Turismo de Santiago convoca un concurso aberto para elixir un novo slogan de promoción turística da cidade

11/09/2014 Turismo de Santiago elixirá un novo slogan para desenvolver as súas accións de promoción da cidade mediante un concurso aberto no que poden participar tanto empresas como persoas físicas. As propostas presentaranse en man na Oficina Central de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar 63, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas. O prazo de presentación das candidaturas remata o 23 de setembro. A proposta gañadora recibirá un premio de 2.000 euros.

Os participantes no concurso deberán presentar, ademais do propio slogan, unha proposta de aplicación gráfica, para que poida ser empregado en diferentes materiais promocionais. As bases do concurso recollen as características técnicas que deben cumprir as propostas para poder ser aceptadas. As bases poden consultarse no Perfil do Contratante de Turismo de Santiago.

Un xurado elixirá a proposta gañadora en base a dous criterios: por unha banda, a orixinalidade, simbolismo e capacidade de representación e transmisión dos valores da cidade de Santiago de Compostela; por outra banda, a adecuación, versatilidade e capacidade de integración do slogan e da proposta de aplicación gráfica aos posibles soportes de promoción e elementos de comunicación audiovisual.

Compartir: