DEPORTES

Uns 100 nenos e nenas participarán na II Mini BTT-DH Cidade de Santiago

11/09/2014 A Granxa do Xesto acollerá este sábado 13 de setembro a II Mini BTT-DH Cidade de Santiago. Uns 100 corredores de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos participarán nesta proba de descenso en bicicleta, organizada polo Club Ciclista Muebles Compostela e que conta coa colaboración da Concellería de Deportes.

A concelleira de Deportes, María José Corral, presentou este I Mini BTT-DH Cidade de Santiago, acompañada por Manuel Paz e Nemesio López, do Club Ciclista Muebles Compostela. Todos eles coincidiron no obxectivo da proba de difundir a práctica desta disciplina entre os máis pequenos, tendo en conta que, a nivel oficial, nesta modalidade só poden competir corredores a partir dos 14 anos.

Despois dos adestramentos e as inscricións pola mañá, a primeira manga comezará ás 16:00 horas do sábado, á que lle seguirá unha segunda ás 17:30 horas. Haberá cinco categorías en competición, tanto en nenas como en nenos: prebenxamín, promesas, principiante, alevín e infantil. A entrega de trofeos celebrarase en torno á 19:00 horas.

Para os participantes será obrigatorio o uso de casco integral, luvas, xeonlleiras e reforzo de cóbados ou manga longa. Preparouse un circuíto doado e con alternativas con menos dificultade nas zonas de obstáculos, para que todos os nenos e nenas poidan afrontalo sen problemas. Os corredores federados participarán de balde, mentres que aqueles que non teñan licenza terán que pagar 12 euros.

Compartir: