CURTOCIRCUITO

As mellores curtas documentais internacionais exhibíronse na Praza de Abastos

18/08/2006 Como chovía, a quinta sesión de CurtoCircuíto na Rúa celebrouse na Praza de Abastos, onde se xuntaron unhas 300 persoas para ver as mellores curtas documentais do panorama internacional. Continuaron as votacións do público para escoller as mellores curtas proxectadas na rúa este ano.

A Praza de Abastos, xa limpa de froitas, verduras e peixes, foi o escenario no que cine e música se xuntaron para darlle vida á noite compostelá. No CurtoCircuíto na Rúa do xoves 17 proxectáronse as mellores curtas documentais do panorama internacional, precedidas por unha completa sesión dos Dj´s Cable&Cera Extrema, que fixeron unha completa sesión de house con música creada por eles mesmos.

Á espera de contar os votos emitidos polas preto de 300 persoas que se resgardaban da choiva en Abastos, a xulgar polos aplausos, as curtas que máis gustaron foron "Les Egoutiers de Paris" (Os alcantarilleiros de París), do francés Fred Menier -un paseo pola rede de sumidoiros de París que descobre que o traballo dos operarios de limpeza non mudou moito dende hai dous séculos-, e "¡Niño! Que en Puerto Real tor mundo es municipá", de Paco Rodríguez, que amosa como esta vila andaluza é un lugar privilexiado para a circulación rodada, coa axuda de todos os veciños.

As votacións serán xa consecutivas cada xoves e, ao terminar as actividades de CurtoCircuíto na Rúa coñecerase o filme gañador, que será galardoado co Premio do Público, valorado en 1.500 euros mailo trofeo.

A seguinte cita coas proxeccións será o xoves 24 de agosto, tamén na Praza de Abastos, onde se fará unha retrospectiva das mellores curtas galegas, precedidas por unha sesión do Dj compostelán Amnemesis, que repite en CurtoCircuíto na Rúa.

Compartir: