CULTURA

Sons de reggae, fado, soul, folk, gospel ou jazz animarán o outono compostelán

10/09/2014 Dá comezo a programación de Sons do último cuatrimestre do ano, na que estarán presentes músicos galegos, nacionais e internacionais, que subirán aos escenarios de Teatro Principal, Auditorio de Galicia, Auditorio Abanca, Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC e Sala Capitol, programación que foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón, e polo director – xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

O outono 2014 comezará con sons de reggae. Dende Xamaica chega á Sala Capitol, o xoves 11 de setembro, The Original Wailers, a banda de Bob Marley que foi nomeada ao mellor álbum reggae, por Miracle, nos Grammy 2013.

Compre salientar a voz portuguesa masculina máis internacional do fado, Antonio Zambujo, que subirá ao escenario do Auditorio de Galicia, sábado 27 de setembro. Zambujo fusiona estilos e crea un son único recoñecido por crítica e público.

O soul chega da man da exvocalista de Freedonia Aurora García, Aurora & The Betrayers, que presenta novo disco, Shadows go away, na Capitol, o xoves 13 de novembro. Aurora é unha das voces máis convincentes da escena de música negra nacional.

Óscar Ibáñez, gaiteiro pontevedrés, subirá ás táboas do Teatro Principal o xoves 4 de decembro para presentar o seu primeiro traballo discográfico en solitario, Alén do mar, unha viaxe sonora polo Atlántico.

O mércores 17 de decembro será a vez para o gospel no Auditorio Abanca co laureado coro Mississippi Mass Choir, que celebra cunha xira por varios países o seu XXV aniversario. O coro gañou varios premios polas súas contribucións á música gospel.

E o Teatro Principal acollerá outra gran cita, a o do grupo folk Treixadura, que celebra o 25 aniversario da formación coa presentación de Esa si que é muiñada: os cantos que aínda hoxe viven nas tabernas, nos seráns, nos gaiteiros, nos coros, nas bandas, que permanecen en nós dende a noite dos tempos de man da tradición oral, os libros e a música.

Sons’14 Jazz
E Sons completa programación con Sons’14 Jazz, coa presenza dunha ampla mostra de talentos do jazz galego que presentan os seus novos traballos discográficos, sen dúbida unha demostración da riqueza, inspiración e creatividade que neste xénero vive a nosa terra nestes momentos.

Latexos de corazón en vinilo, instrumentos mecánicos e zanfona con Germán Díaz, un novo espectáculo musical baseado nos ritmos de latexos do corazón que o doutor Iriarte grabou nos años corenta e que editou en vinilo co nome de Método Cardiofónico. No Teatro Principal o mércores 17 de setembro.

A formación galega Nani García Trío presentará o seu segundo traballo, Serendipia, unha proposta orgánica baseada na súas propias composicións, o que lle confire ao trío un son moi especial.

E en estrea absoluta, o Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, acolle a presentación do novo proxecto do pianista, compositor e músico de jazz ferrolán Pablo Seoane, cun espectáculo musical no que presenta ao conxunto pablo_seoane_trem.

E estrea absoluta tamén é a do pianista cubano afincado en Galicia Alejandro Vargas, que presenta a súa última creación, AMa AZa LaNdo, no CGAC o domingo 26 de outubro.

Unha agrupación formada por Yul Ballesteros, José Alberto Medina e David González contarán nesta ocasión coa participación de dous nomes propios do jazz galego como son Pablo Castaño e Carlos López o domingo 19 de outubro no Teatro Principal. Presentarán un novo proxecto co que interpretarán composicións dos seus anteriores discos, ademais dun adianto do que será o seu próximo traballo discográfico.

Outro pianista de jazz, o galego Alberto Vilas, presenta Crónica cromática, segundo traballo discográfico do cuarteto de jazz, o domingo 14 de decembro no Teatro Principal, un magnífico traballo que conta coas composicións de Alberto Vilas, músico de formación clásica nas súas orixes e cunha amplísima experiencia na composición, no traballo en grupo e no piano.

E no Nadal, o jazz galego volve a estar de noraboa. Iago Fernández presenta novo proxecto, Acougo, que conta con Demian Cabaud no contrabaixo, Xan Campos no piano, Wilfried Wilde na guitarra, Vicent Macián no saxo tenor e Félix Rossy na trompeta. Cinco músicos cos que se entende á perfección. Será no Teatro Principal, domingo 4 de xaneiro.

E arrancando o novo ano, o batería galego Carlos López presenta o seu novo proxecto discográfico acompañado polo seu cuarteto Maciek Kadziela ao saxofón, Xan Campos ao piano e Joel Illerhag no contrabaixo.

As entradas para todos os espectáculos están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, para case todos, tamén se poden comprar no servizo de venda (teléfono ou internet) de Abanca.

Direccións relacionadas



Compartir: