CENTROS SOCIOCULTURAIS

Nova edición de Compostela Cine Classics, coa proxección de doce filmes, coloquios, obradoiros, música e exposicións

10/09/2014 A Concellería de Centros Socioculturais presenta a terceira edición do programa Compostela Cine Classics, que nesta ocasión ofrecerá a proxección de doce filmes de diferentes xéneros, intentando unha vez máis achegar o feito cinematográfico ao público compostelán. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Centros Socioculturais, María Antón, acompañada por Diego Vázquez, coordinador do programa, e Ángel Luis Hueso, catedrático da Historia da Arte e da Historia do Cine da USC.

O programa quere achegar o cine ao público dende os centros socioculturais e dende un punto de vista educativo, mesturando proxeccións con coloquios e faladoiros con expertos, obradoiros, actuacións musicais e, nesta ocasión, tamén cun concurso de fotografía para animar á participación durante o programa. Ademais, dáselle continuidade á exposición Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, producida na anterior edición, e exhíbese unha mostra coas fotos do concurso convocado.

As actividades do programa desenvolveranse desde este venres, 12 de setembro, ata o 12 de febreiro de 2015. Serán 36 accións diferentes, entre as que destacan as doce proxeccións, fío condutor desta iniciativa, acompañadas sempre dun debate. Celebraranse sempre na Sala Agustín Magán, do Centro Sociocultural de Santa Marta e comezará ás 20.30 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade.

Nesta ocasión, a temática dos filmes céntrase nos diferentes xéneros cinematográficos: terror, cine negro, adaptación literaria, musical, comedia, western, ciencia ficción, fantástico, autor, drama, biopic e familiar. Proxectaranse os seguintes filmes:

- 12 de setembro: F.W. Murnau, Nosferatu (1922). Debate con Ángel Luis Hueso Montón (catedrático de Historia da Arte, Historia do Cine. USC).

- 19 de setembro: Billy Wilder, Perdición (1944). Debate con Eduardo Galán Blanco (escritor e crítico cinematográfico).

- 26 de setembro: Elia Kazan, Un tranvía chamado desexo (1951). Debate con Patricia Fra López (profesora titular de Literatura Norteamericana, experta en literatura e cine. USC).

- 3 de outubro: Jacques Demy, As señoritas de Rochefort (1967). Debate con Bárbara Santos Mato (historiadora da arte e investigadora sobre a cinematografía de Jacques Demy. USC).

- 10 outubro: Woody Allen, Hannah e as súas irmás (1986). Debate con Chelo Loureiro (produtora e delegada en Galicia de CIMA: asociación de mulleres cineastas).

- 17 de outubro: Nicholas Ray, Johnny Guitar (1954). Debate con Margarita Ledo Andión (directora e catedrática de Comunicación Audiovisual. USC).

- 24 de outubro: Don Siegel, A invasión dos ladróns de corpos (1956). Debate con José Luis Losa (director de Cineuropa).

- 31 de outubro: Jean Cocteau, A bela e a besta (1946). Debate con Moncho Lemos (crítico cinematográfico, TVG e Radio Galega).

- 7 de novembro: Luis Buñuel, Viridiana (1961). Debate con Sonia Méndez (realizadora e actriz).

- 5 de decembro: Luchino Visconti, Morte en Venecia (1971). Debate con Ghaleb Jaber Martínez (director do Festival de Cine Euroárabe AMAL).

- 12 de decembro: Vincent Minnelli, O tolo do pelo rubio (1956). Debate con José María Folgar de la Calle (profesor titular de Historia da Arte, Historia do Cine. USC).

- 19 de decembro: Frank Capra, Que fermoso é vivir! (1946). Debate con Alejandra Juno (profesora e investigadora. Duke University).

Música
O programa tamén ten tres citas musicais en Santa Marta. A primeira será o sábado 18 de outubro co concerto A maxia da música no cine, con Quique Azambuya e un convidado especial. Será un concerto de versións de grandes músicas de cine.

Logo, o 23 de novembro, vez para a Banda Municipal de Música cun programa de músicas de cine español, grandes bandas sonoras e pequenas xoias escondidas da nosa cinematografía. Finalmente, o sábado 13 de decembro, cine-concerto coa proxección de O maquinista da Xeral (Buster Keaton, 1926) co acompañamento ao piano de Suso Alonso.

Obradoiros
Tampouco faltarán nesta edición os ClassicObradoiros, con 20 prazas cada un e con inscrición previa ata esgotar prazas. Para o público infantil preparouse un obradoiro de pequenos cineastas centrado na industria de Bollywood; outro de cineclub infantil destinado a centros escolares; un de caracterización e maquillaxe de cine; e o PequeClassics!, obradoiros creativos para nenos de 4 a 12 anos. Para os adultos preparáronse dous obradoiros, un de análise fílmica e outro de achegamento á mirada cinematográfica.

ClassicFaladoiros
O programa inclúe tamén os ClassicFaladoiros, encontros abertos con especialistas arredor de distintos aspectos do feito cinematográfico, tamén con entrada de balde. Os encontros serán co director e guionista Alfonso Zarauza, coa actriz Mabel Rivera e coa profesora Patricia Fra López. A estes tres encontros súmase dúas mesas redondas.

Espazo de participación
Unha das novidades deste ano é unha convocatoria de voluntariado cultural. Así, para participar activamente no Compostela Cine Classics 2014, proponse unha acción de voluntariado para dez persoas, que poderán colaborar en labores de axudantía de produción e organización, asistencia e información do público, ou na selección dunha memoria audiovisual do programa. Os interesados teñen ata o 21 de novembro para inscribirse a través da Escola de Tempo Libre Don Bosco e do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU).

Tamén novo é o concurso de fotografía para a exposición Espazos compartidos. Cines e vidas. Búscanse fotografías especiais sobre o cine e os cines, sobre experiencias vividas no Compostela Cine Classics, o cine da infancia, os momentos especiais de compartir un filme con alguén...

Poderase participar do 12 de setembro ao 19 de novembro subindo unha fotografía á aplicación-concurso de Compostela Cine Classics en woobox, compartíndoa na páxina en Facebook do programa ou enviándoa á dirección de correo electrónico compostelacineclassics@santiagodecompostela.gal. As 15 fotografías máis votadas conformarán a exposición. A máis votada levará, ademais, un premio.

Outro modo de participar é a través do traballo de recollida de testemuños sobre a intrahistoria da cidade co fío condutor dos cines. Continúase así o labor da pasada edición coa mostra Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, que propón unha viaxe polos recordos de Compostela a través dos seus cines, xa todos desaparecidos. O produto deste traballo será un vídeo que servirá de arquivo para unha parte importante da historia do século XX e comezos do XXI en Santiago de Compostela.

Pódese participar asistindo a unha das sesións de "recollida" de testemuños en vídeo nalgún dos CSC da Rede Municipal. O calendario de datas, horarios e lugares pode consultarse nos centros socioculturais a partir do 30 de setembro.

Exposicións
O programa de Compostela Cine Classics 2014 complétase con dúas exposicións. A primeira recupera a mostra Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia e estará aberta do 1 ao 31 de outubro na Casa das Asociacións de Cornes. A segunda exposición titúlase Espazos compartidos. Cines e vidas, saída do concurso fotográfico. Estará lista para visitarse do 15 de xaneiro ao 12 de febreiro de 2015 no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Direccións relacionadas



Compartir: