ALCALDÍA

O alcalde destaca que Compostela Gastronómica nace co obxectivo de "mostrar que Galicia sobre todo é boa gastronomía"

10/09/2014 Santiago de Compostela acollerá Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega. O obxectivo do evento, tal como destacou o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, na súa presentación en Madrid, é "mostrar que Galicia non é só bo produto; queremos mostrar que Galicia sobre todo é boa gastronomía, con cociñeiros moi preparados que saben respectar e realzar unha materia prima excelente".

"Santiago é a capital gastronómica de Galicia", apuntou o alcalde, lembrando a ampla oferta de restauración coa que conta a cidade, que "vai dende a cocina máis tradicional ata exemplos destacados de nova cociña; pero ademais contamos co Mercado de Abastos, un espazo no que se reúneo mellor produto galego de temporada, pescados, mariscos, carnes...que serve de despensa a uns establecementos nos que as novas xeracións de cociñeiros se afanan cada día por manter o mellor da nosa tradición culinaria, achegando novas técnicas e, sobre todo, grandes doses de imaxinación ao seu traballo; todo para facer da gastronomía unha arte á medida da cidade e do seu rico patrimonio".

Para dar a coñecer esa arte de cociñar e comer da cidade xorden estas xornadas, indicou Agustín Hernández. "Compostela Gastronómica nace con modestia, pero coas ideas e os obxectivos moi claros", referíndose de novo á idea de mostrar a boa gastronomía de Galicia, a preparación dos seus cociñeiros e o respecto á materia prima.

Destino cunha ampla oferta gastronómica
A primeira edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, celebrarase do 19 ao 28 de setembro co Mercado de Abastos de Santiago como referente. A intención é continuar co posicionamento de Santiago como un destino cunha ampla oferta gastronómica que vai dende as preparacións máis tradicionais ata exemplos de vangarda, pero sempre respectando o produto galego de calidade, fresco e de tempada.

O programa de Compostela Gastronómica inclúe 14 charlas impartidas por cociñeiros para profesionais do sector e afeccionados á cociña, 16 talleres e mesas redondas para o público xeral, catas, cociña para nenos e nenas, unha ruta de Menús de Mercado na que 25 restaurantes ofrecerán creacións especiais a base dos produtos do Mercado de Abastos...

A presentación do evento en Madrid tivo lugar na Escuela Entre Fogones, centro formativo da Federación de Cociñeiros e Reposteiros de España. A presentación contou coa presenza de catro destacados cociñeiros, que prepararon en directo unha degustación de pratos da nova cociña galega.

Os cociñeiros foron Alén Tarrio e Siro González, dos restaurantes composteláns Pazo de Altamira e Calderón; Pepe Solla, posiblemente o cociñeiro galego con máis proxección da actualidade; e Diego Guerrero, un dos cociñeiros máis importantes do panorama culinario español actual e que estará en Compostela Gastronómica o 22 de setembro, nunha xornada tanto para profesionais coma para afeccionados á cociña.

Os pratos que prepararon en directo e puideron degustar os asistentes foron: "Xurelo lañado en sal de apio con fiúncho agridoce", "Ensalada de sardiñas con mazá ácida", e "Bonito marinado, cogombro curtido, kefir e xugo de tomate aliñado". O evento foi presentado polo actor galego Javier Veiga e polo cociñeiro e coordinador gastronómico do Festival, Kike Piñeiro.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa. Toda a información sobre Compostela Gastronómica pode seguirse na súa web, www.compostelagastronomica.es e a través das contas de Twitter e de Facebook.

Documentos relacionados



Compartir: