TURISMO

As conexións internacionais de Lavacolla xa superan os 300.000 pasaxeiros no ano 2014

09/09/2014 O aeroporto de Santiago vai camiño non só de superar o seu récord histórico de pasaxeiros nas súas conexións internacionais regulares, que se alcanzou o ano pasado con 350.579, senón tamén de superar por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros nestas conexións e conseguir así o obxectivo marcado polo Concello para este ano. Nos oito primeiros meses do ano, as conexións internacionais do aeroporto de Santiago xa sumaron 310.806 pasaxeiros, 75.606 pasaxeiros máis que no mesmo período do ano pasado, o que representa un crecemento do 32,15%.

No mes de agosto, o tráfico nas conexións internacionais regulares do aeroporto de Santiago foi de 66.528 pasaxeiros. Esta cifra representa un aumento do 34,18% respecto dos 49.582 pasaxeiros que houbo no mesmo período do ano pasado neste tipo de conexións. Estes datos foron debidos ao feito de que este verán foi o de maior conectividade aérea internacional da historia do aeroporto, con trece conexións internacionais regulares directas.

O aumento do mes de agosto apoiouse tanto nos datos obtidos polas novas conexións deste ano de Vueling, Ámsterdam, Bruxelas e Roma, como polo aumento xeneralizado de pasaxeiros nas outras dez conexións xa existentes. As novas conexións internacionais están conseguindo uns datos positivos, cun tráfico de pasaxeiros que amosa as posibilidades destas rutas.

A conexión xa existente que máis crece en pasaxeiros é a de Milán. Este aumento, sumado aos datos positivos da nova conexión con Roma, é consistente coa chegada de peregrinos de Italia, que no mes de agosto foi o país con maior número de peregrinos estranxeiros con 7.727. Tamén é consistente co aumento de consultas de visitantes italianos na oficina de información de Turismo de Santiago, que no mes de agosto foi do 8,97%.

Compartir: