NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Comeza o Curso de Literatura Práctica

09/09/2014 O vindeiro sábado, 13 de setembro, comezará ás 11:30 horas, na aula de didáctica do Museo-Fundación Eugenio Granell, unha nova edición dos obradoiros de escrita creativa que vén organizando cada outono a Concellería de Normalización Lingüística coa colaboración da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

Esta actividade, dirixida a persoas adultas interesadas en se achegar á práctica literaria, vai estar conducida polo escritor Camilo Franco e contará tamén coa participación dalgún outro autor ou autora convidados.

Ao longo das dez sesións en que se van desenvolver, as persoas inscritas terán ocasión de reflexionar sobre a construción dos relatos literarios e tamén sobre a súa recepción poñendo en práctica as súas destrezas na creación de textos.

A inscrición para este curso estivo aberta ata os primeiros días de setembro, mais xa na primeira semana quedaron cubertas as 25 prazas que inicialmente se ofrecían. Malia a ampliación a 30 do número de persoas admitidas (por orde de chegada das inscricións), fica aínda unha listaxe de agarda que dá boa conta do interese espertado pola actividade que pretende arroupar tamén, a través da literatura, o uso da lingua galega.

Compartir: