DEPORTES

As rúas de Santiago acolleron a segunda edición da Marcha unificada de persoas con e sen discapacidade Special Olympics Galicia

07/09/2014 A concelleira de Deportes, María José Corral, asistiu ao acto de inauguración da II Marcha ciclista unificada de persoas con e sen discapacidade, organizada por Special Olympics Galicia. Transcorreu polas rúas de Santiago e participaron 14 deportistas con discapacidade intelectual das entidades PRODEME, de Monforte, e ASPRONAGA, de Coruña, que estiveron acompañados polos clubs ciclistas Os do Monte Bravo, Club Ciclista Ultreia, Voluntarios Unificados e Deportistas Unificados de Special Olympics Galicia.

Un total de 69 persoas, entre atletas, adestradores, vountarios e organización, tomaron parte nesta Marcha, inaugurada na praza do Obradoiro. Alí, un deportista leu o lema dos atletas de Special Olympics: "Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento". A marcha cicloturista saíu logo do Monte do Gozo para dirixirse de novo á praza do Obradoiro.

Entre os obxectivos desta marcha está ofrecer unha xornada de convivencia e promocionar a práctica do ciclismo entre as persoas con discapacidade intelectual de Galicia. A actividade é tamén un punto de encontro para tódalas persoas con discapacidade e pretende favorecer un entorno de convivencia entre o voluntariado e estas persoas.

Trátase igualmente de facer visibles as capacidades das persoas e de potenciar as habilidades e destrezas para relacionarse, difundindo unha imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual. Contribúese así a eliminar barreiras e estereotipos e a achegar a discapacidade a toda a sociedade.

Compartir: