XUNTA DE GOBERNO

O Concello mantén os prezos dos servizos de comedor e de madrugadores

05/09/2014 Os prezos dos servizos de comedor e de madrugadores na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello para este curso 2014-2015 serán os mesmos que os do curso pasado. Así o acordou a Xunta de Goberno, que tamén deu o visto bo ás normas xerais de uso deste servizo para o ano académico a piques de comezar.

Os prezos autorizados para ser cobrados pola empresa adxudicataria mantéñense respecto dos do ano anterior. Así, para o almorzo, o prezo é de 2,04 euros/comensal/día e o xantar, logo de feito o cálculo dos días lectivos terá un custo de 3,31 euros/comensal/día. Pero descontada a achega municipal, o prezo queda en 2,93 euros/comensal/día.

Estas tarifas rexerán nos seguintes centros: Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, Fontiñas, Roxos-Villestro, Vite I, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola e Ramón Cabanillas.

Na súa rolda de prensa tras a Xunta de Goberno, o alcalde, Agustín Hernández, lembrou que este servizo ofrécese a través dun convenio asinado no seu día entre a Consellería de Educación e o Concello para o seu financiamento durante os cursos 2013/2014 e 2014/2015.

Con este fin, a Xunta achega un total de 126.112 euros distribuídos en tres anualidades: 19.950 euros en 2013, 63.056 euros en 2014 e 43.106 euros en 2015.

Documentos relacionados



Compartir: