XUNTA DE GOBERNO

Iníciase o proceso de contratación das obras destinadas a recuperar o palacete da Finca do Espiño para usos municipais

05/09/2014 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, acordou o inicio do procedemento de contratación das obras de rehabilitación do palacete da Finca do Espiño, edificio que terá un uso municipal. O importe de licitación será de 1.262.100 euros.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, fíxase un orzamento en dúas anualidades: 262.937,50 euros para 2014 e 999.162,50 euros para 2015. O prazo de execución é de 12 meses, polo que agarda que as obras poidan iniciarse a finais deste ano e estean rematadas ao longo de 2015.

"Con estas obras para recuperar o edificio modernista -construído a principios do século pasado polo arquitecto compostelán Xesús López de Rego para o senador Ramón Gutiérrez de la Peña- trátase de facer compatible a conservación das ruínas existentes con usos polivalentes, nunha superficie de 1.070 metros cadrados, aos que lle hai que engadir o terreo anexo destinado a horta e xardín con carballeira", indicou o rexedor municipal.

Lembrou que este proxecto de remodelación modifica o proxecto inicialmente previsto, que "supoñía un alto consumo enerxético". Así, o edificio resultante "estará moi próximo ao concepto de enerxía cero, isto é, un edifico con alta eficiencia enerxética, cun consumo de enerxía moi reducido no seu funcionamento ordinario".

O alcalde aproveitou o anuncio para recordar que, dende hai algo máis de 20 días, está dispoñible para os cidadáns o espazo público circundante de 18.000 metros cadrados da Finca do Espiño, que foi rehabilitado cun investimento municipal superior aos 800.000 euros e que conta cunha gran riqueza botánica. Pode ser gozado pola cidadanía nun horario de 8:00 a 23:00 horas ata este mes de setembro, e de 9:00 a 20:00 horas o resto do ano. Ademais, realízanse visitas guiadas de balde os martes pola tarde e os sábados pola mañá.

Humanización de Carreira do Conde
Nesta Xunta de Goberno tamén se aprobou a posta a disposición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dos terreos precisos para a execución das obras de reurbanización e humanización da rúa da Carreira do Conde, en virtude do convenio asinado o 6 de agosto. Con este paso, a Consellería poderá licitar as obras, co obxectivo de que se desenvolvan ao longo de 2015.

Lembrou Agustín Hernández que esta actuación afecta a unha superficie total de 3.866 metros cadrados, comprendida entre as rúas da Senra e da Rapa da Folla e a avenida Xoán Carlos I. Supón a reurbanización do conxunto da rúa, que pasará a ser peonil na súa totalidade, con acceso rodado restrinxido para garaxes, así como carga e descarga comercial.

Nas obras vanse empregar pavimentos de pedra novos e tamén se reutilizarán os actuais, con zonas de pavimento verde transitable e pavimento de formigón coloreado en masa, potenciando a accesibilidade, eliminando os desniveis existentes e facendo máis doado o tránsito entre a rúa e as escaleiras que serven de conexión coa zona da Alameda.

Como elementos singulares vanse manter a escaleira á altura da igrexa do Pilar –que ten a consideración de elemento catalogado- e a fonte pública existente, integrándoa no conxunto dunha actuación a través da que se amplía de forma considerable a superficie axardinada, pasando dos 1.200 metros cadrados actuais a preto de 1.800 (un 45% máis). O desnivel existente na maior parte da zona axardinada, a diferenza do que acontece agora, será convertido nunha zona de estanza, susceptible, polo tanto de uso público.

Para a execución das obras está previsto un investimento total de 640.000 euros, dos que a Xunta achegará 512.000 euros e o resto o Concello de Santiago (129.418 euros)

O aspecto final permitirá contemplar o conxunto da rúa como unha prolongación da veciña Alameda, posto que tamén se actuará na mellora de pavimentos nas beirarrúas da rúa Xoán Carlos I que lindan coa Alameda. Todo iso suporá unha importante mellora ambiental, non só para os veciños e as veciñas desa rúa, senón para un gran número de cidadáns que a diario transitan entre o Ensanche e a zona monumental e que empregan esta rúa como acceso habitual.

Documentos relacionados



Compartir: