ALCALDÍA

O alcalde buscará o consenso político e cidadán na revisión do Plan Especial

04/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, expresou o seu desexo de que a revisión do Plan Especial da Cidade Histórica sexa froito do consenso político e cidadán. Nese sentido, agarda recibir a achega dos diferentes axentes da cidade para lograr un documento que garanta a súa presenza no tempo.

"Gustaríame atopar consenso, en primeiro lugar a nivel político na Corporación, e logo coa cidade, con empresarios, asociacións de veciños e calquera que teña interese en participar e aportar a ese documento", indicou o alcalde. Por iso, cre que "ata finais de 2015 ou 2016 será difícil atopar un documento que permita chegar a ese consenso, que é imprescindible para obter un documento que teña unha permanencia no tempo como tivo o anterior".

Lembrou que, neste intre, o comité de expertos está traballando para decidir que proposta é a mellor para redactar a modificación do Plan Especial da Cidade Histórica. Espera Agustín Hernández que esta "adaptación á situación actual" sexa "unha oportunidade para o desenvolvemento da cidade e tamén para os propios habitantes do Casco Histórico". Confía en que a redacción estea adxudicada entre este mes de setembro e outubro.

A redacción do Plan Especial terá sete fases: información urbanística e diagnóstico, anteproxecto de planeamento como documento de inicio, informe de sostibilidade ambiental, documento para a aprobación inicial, proposta de memoria ambiental, documento para a aprobación provisional e documento para a aprobación definitiva.

O custo do documento é de 452.000 euros, achegados a partes iguais por Xunta de Galicia e Concello de Santiago. As partidas autonómicas distribúense do seguinte xeito: 20.000 euros en 2013, 66.000 euros en 2014 e 2015 e 74.600 en 2016; mentres que o Concello achega 76.000 euros en 2014 e 2015, e 74.600 euros en 2016.

Compartir: