DEPORTES

Santiago será a sede da segunda edición da Marcha unificada de persoas con e sen discapacidade Special Olympics Galicia

04/09/2014 Special Olympics Galicia, asociación dedicada á promoción das persoas con discapacidade a través do Deporte e do Ocio, organiza en Santiago a II Marcha unificada de persoas con e sen discapacidade, con motivo da chegada á cidade da Volta Ciclista a España 2014. O Concello colabora con esta actividade, prevista para o domingo 7 de setembro.

A concelleira de Deportes, María José Corral; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; e o presidente de ASPAS Santiago, Marcelo de la Cruz, presentaron esta marcha, que transcorrerá polas rúas de Santiago. Participarán 14 deportistas con discapacidade intelectual das entidades PRODEME, de Monforte, e ASPRONAGA, de Coruña, que estarán acompañadas polos clubs ciclistas Os do Monte Bravo, Club Ciclista Ultreia, Voluntarios Unificados e Deportistas Unificados de Special Olympics Galicia. En total, Santiago acollerá 69 persoas entre atletas, adestradores, voluntarios, e integrantes da organización.

A inauguración oficial da xornada será ás 10:45 horas na praza do Obradoiro. Posteriormente, un deportista lerá o lema dos atletas de Special Olympics: "Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento". A marcha cicloturista sairá ás 12:30 horas do Monte do Gozo para dirixirse de novo á praza do Obradoiro.

En torno ás 14:00 horas clausurarase a xornada coa entrega de trofeos. Para a tarde, a partir das 16:00 horas, están previstas actividades de lecer. Se o tempo acompaña, celebraranse na Alameda. Se a chuvia o impide, as actividades trasladaranse ao pavillón do Pío XII.

Convivencia, promoción do deporte e visibilidade
Entre os obxectivos desta marcha está ofrecer unha xornada de convivencia e promocionar a práctica do ciclismo entre as persoas con discapacidade intelectual de Galicia. Tamén se pretende que a actividade sexa un punto de encontro para tódalas persoas con discapacidade e favorecer un entorno de convivencia entre o voluntariado e estas persoas.

Trátase igualmente de facer visibles as capacidades das persoas e de potenciar as habilidades e destrezas para relacionarse, difundindo unha imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual. Contribuirase así a eliminar barreiras e estereotipos e a achegar a discapacidade a toda a sociedade.

Compartir: