ALCALDÍA

O CEIP Monte dos Postes contará con catro novas aulas no curso 2015-2016

03/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, agradeceu o compromiso do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, de ampliar o CEIP Monte dos Postes con catro novas aulas, unha intervención que tamén incluirá a instalación dun ascensor. Lembrou que esta é unha vella reivindicación dos pais e da comunidade educativa deste centro.

Este compromiso foille transmitido ao alcalde polo conselleiro na reunión mantida entre ambos esta mañá no Pazo de Raxoi. A intención da Consellería de Educación é que estas catro novas aulas –dúas na planta baixa e outras dúas na segunda- poidan estar dispoñibles para o curso 2015-2016. Tamén se vai instalar un elevador.

Agustín Hernández e Jesús Vázquez tamén repasaron as necesidades doutros centros educativos. Neste sentido, o conselleiro agradeceu e valorou o esforzo inversor realizado este verán polo Concello para que os colexios de Santiago estean listos para o inicio do curso 2014-2015. Cómpre lembrar que as arcas municipais destinan máis de 300.000 euros este verán para acondicionar os centros escolares.

Estase executando un plan de obras, adxudicado por un importe total de 219.703 euros, que afecta a 24 equipamentos educativos: 13 colexios de educación infantil e primaria, tres escolas rurais, seis escolas infantís, a Escola Municipal de Música e o Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela. Malia que non están incluídas neste programa, tamén están previstas obras de substitución da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento e a mellora da climatización da Escola Infantil do Tambre.

Estas obras compleméntase ademais con outras igualmente necesarias para o normal inicio do curso escolar 2014-2015, como desratización e desinsectación, mantemento de zonas verdes, revisión e mantemento eléctrico e limpeza xeral.

Compartir: