EXPOSICIÓN

Aberta no Colexio de Fonseca a exposición "As persoas con discapacidade na vida cotiá"

03/09/2014 A concelleira María Jesús Sáinz asistiu á inauguración da exposición fotográfica As persoas con discapacidade na vida cotiá, promovida pola Universidade de Santiago e as fundacións Grupo Norte e Down Compostela. A mostra estará no Colexio de Fonseca ata o 20 deste mes de setembro, en horario de 10:00 a 21:00 horas.

Esta exposición recolle unha selección das imaxes premiadas no Concurso Internacional de Fotografía Dixital que convocan a Fundación Grupo Norte e o Instituto Universitario de Integración na Comunidade (Inico) da Universidade de Salamanca, co obxecto de contribuír á normalización das persoas con discapacidade. Son 55 fotografías que resumen once anos de traballo observando, coñecendo e entendendo a realidade cotiá das persoas con discapacidade dende a súa propia perspectiva e das súas familias e persoal de apoio con quen conviven.

A mostra exhibe imaxes que propoñen enfoques adecuados ás realidades humanas e que promoven indicadores sociais relativos á verdadeira inclusión das personas con discapacidade, pero que tamén falan de superación e normalidade.

As persoas con discapacidade foron historicamente discriminadas e marxinadas na sociedade, acadando un menor nivel de calidade de vida que o resto dos ci­dadáns. Esa discriminación, explican os organizadores, débese a múltiples causas, entre as que destacan non tanto as súas propias limitacións como as barreiras sociais, ambientais e de ac­titude cara a elas: concepcións deformadas sobre a súa competencia e prexuízos e estereotipos culturalmente herdados. O propósito da mostra é, xa que logo, rachar con esta clase de percepcións.

Ademais de María Jesús Sáinz, participaron no acto inaugural da mostra a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez; a secretaria xeral de Política Social da Consellaría de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro; o arcepisbo de Santiago, Julián Barrio; o presidente da Fundación Down Compostela, Juan Martínez López; e o presidente da Fundación Grupo Norte, Javier Ojeda Prieto.

Compartir: