ALCALDÍA

Concello e sección de Hospedaxe de Hostalería reúnense para falar de turismo

03/09/2014 O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, reuniuse cos representantes da sección de Hospedaxe da Asociación de Hostalería de Santiago para abordar o posicionamento da cidade en materia turística. Compostela é a urbe co maior grao de especialización turística de Galicia, con enorme potencial no eido do turismo internacional.

Agustín Hernández mantivo unha xuntanza informativa con empresarios e directores dalgúns dos principais hoteis de Santiago, que puxeron o coñecemento e experiencia do sector a disposición do alcalde para orientar a planificación e o deseño das estratexias turísticas municipais no futuro.

Nesta primeira reunión abordáronse algunhas cuestións como a conectividade aérea ou os datos de ocupación. Ademais, falaron do número de peregrinos a Santiago, que aumentou en casi 4.500 en agosto respecto a 2013, ata alcanzar a cifra de 51.219.

Ao remate da xuntanza os participantes coincidiron na necesidade de seguir colaborando e impulsando as políticas municipais de promoción e comercialización turística así como promover o crecemento sustentable dun sector fundamental na cidade que pode protagonizar a reactivación da economía local.

Compartir: