CULTURA

O espectáculo de monicreques "Galicia máxica" trasládase ao Teatro Principal

17/08/2006 Por mor da choiva, o espectáculo "Galicia Máxica", que se viña representando no Paseo de central da Alameda ás 22:45 horas, adianta a hora de inicio para as 21.00 horas e trasládase para o Teatro Principal.

"Galicia máxica", producido pola Concellaría de Cultura, é unha recreación do mundo mítico e lendario do noroeste ibérico, representado polos Monicreques de Kukas. Os personaxes son encarnados por marionetas mixtas de fíos, gatiños e variñas de creación propia e de gran formato.

A obra escrita e dirixida por Marcelino de Santiago recrea lendas galegas tradicionais como o aquelarre de Cangas, o demo enganado, o pescador e a meiga, o Nuboeiro, a Coca de Redondela e as covas do Rei Cintolo e recolle personaxes da cultura mítica e popular galega como son os trasgos, as meigas, as fadas ou as serpes.

Este entretido paseo pola "Galicia máxica" articúlase a partires das peripecias vividas por un turista despistado e durmiñón que se atopa cun trasgo rebuldeiro e unha meiga boa.

O espectáculo, ademais do xoves 17, continuará representándose o días 21, 22 e 23 de agosto, no Paseo central da Alameda, se as condicións o permiten; en caso de choiva trasladarase para o Teatro Principal, na Rúa Nova, ás 21:00 horas.

Compartir: