ALCALDÍA

O alcalde compostelán analizou co presidente da Cámara de Comercio os proxectos estratéxicos da cidade

15/08/2014 O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, reuniuse co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey. No encontro falaron sobre diversos temas que afectan á cidade en materia de infraestruturas.

Así, un dos temas da reunión foi a Estación Intermodal. O alcalde trasladoulle a Asorey que está traballando para consensuar con Fomento o modelo de estación, dende un plantexamento claro que permita "programar, planificar e periodificar" a intervención na estación de tren, con investimentos concretos.

Considera, e así llo trasladou ao presidente cameral, que é posible dotar a Santiago do equipamento que precisa utilizando como punto de partida o edificio actual. Así, nesta aposta por unha solución realista, Agustín Hernández considera urxente e necesaria unha mellora da estación que comece pola ampliación do seu vestíbulo para darlle unha dimensión acorde ao número de pasaxeiros, na actualidade o de maior volume de Galicia.

O futuro do aeroporto de Lavacolla foi outro dos temas analizados na reunión, sobre o que o alcalde manifestou estar a favor da coordinación, pero sempre baixo a premisa de que Lavacolla é o aeroporto central de Galicia.

Neste senso lembroulle que seguirán traballando para concentrar a maior parte dos voos internacionais dende o convencemento de que as conexións conseguidas esta lexislatura incrementaron de xeito importante a capacidade de Lavacolla e fixeron que medrara o turismo internacional.

Compartir: