XUNTA DE GOBERNO

Publicadas as listas de admitidos e excluídos nos servizos de comedor e de madrugadores

14/08/2014 A Xunta de Goberno aprobou as listas de admitidos e excluídos nos servizos de comedor e de madrugadores da rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello para o curso 2014-2015. O servizo volverá funcionar en nove centros: Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardeal Quiroga Palacios, Roxos-Villestro, Monte dos Postes, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e Raíña Fabiola.

Nas listas publicadas nesta web e no taboleiro de anuncios municipal recóllense todas as solicitudes recibidas dende a apertura de prazo ata o 7 de agosto. Neste tempo recibíronse case 800 solicitudes, das que se admitiron 763, e o resto están excluídas a expensas de que cumprimenten algún requisito. O prazo permanecerá aberto ata cubrir as 950 prazas dispoñibles neste programa.

Lembrou o alcalde, Agustín Hernández, que este servizo, xestionado polo Concello un curso máis, conta cun investimento de 63.000 euros, subvencionados pola Xunta de Galicia. "No curso 2013-2014, 653 rapaces e rapazas fixeron uso do servizo de comedor cada día, e outros 199 participaron na oferta de madrugadores", indicou.

Compartir: