ALCALDÍA

Recepción aos participantes no XXV Rali Teresa Herrera de vehículos históricos

13/08/2014 O XXV Rali Teresa Herrera de vehículos históricos tivo parada en Santiago de Compostela. Os coches permaneceron expostos na praza do Obradoiro antes de partir de novo cara o punto de saída, a cidade da Coruña. O alcalde compostelán, Agustín Hernández, recibiu os organizadores e participantes no Pazo de Raxoi.

O alcalde valorou a beleza dos vehículos participantes, así como o seu papel histórico. "Apreciar a súa evolución, valorar as súas aportacións técnicas ou estéticas, supón, en gran medida, realizar un percorrido pola nosa historia máis próxima", dixo, equiparando a conservación deste patrimonio automobilístico coa protección dun "legado cultural que veu conformando a evolución económica, social e cultural da nosa sociedade, para coñecemento e goce de xeracións futuras". Neste sentido, lembrou que algún vehículos históricos teñen a consideración de ben de interese cultural ou figuran nos inventarios do patrimonio de moitos Estados.

"Polo respecto e a admiración que achegan estes valiosos autos e la enriquecedora evocación que todos provocan, é de agradecer e animar esta iniciativa do Club de Automóbiles Históricos Veterancar, da Coruña, que nos permite contemplar aqueles modelos que con tanto cariño e dedicación atesoran os seus propietarios", engadiu Agustín Hernández.

Este Rali Teresa Herrera está formado por una caravana de vehículos cunha antigüidade mínima de 50 anos. Todos os automóbiles, procedentes de diferentes lugares de España, consérvanse no seu estado orixinal e en perfectas condicións tanto estéticas como mecánicas, o que fai que a proba se converta nun auténtico museo rodante.

Compartir: