TURISMO

O 18 de agosto remata o prazo para inscribirse na Ruta de Menús do Mercado de Compostela Gastronómica

13/08/2014 restaurantes de Santiago interesados en participar na Ruta de Menús do Mercado de Compostela Gastronómica teñen ata o 18 de agosto para inscribirse na actividade. A Ruta de Menús do Mercado terá lugar na segunda quincena de setembro, dentro das actividades da primeira edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega.

A Ruta de Menús do Mercado ofrecerá tanto aos composteláns como aos visitantes e turistas a posibilidade de degustar diferentes propostas dos restaurantes da cidade, que poden elaborar pratos de cociña tradicional, creativa ou de fusión, pero que teñen que basearse no produto do Mercado de Abastos. Os restaurantes interesados poden pedir máis información en www.compostelagastronomica.es.

Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O obxectivo da entidade municipal de promoción turística é aproveitar as posibilidades da gastronomía galega como atractivo turístico mediante un evento festivo que se celebrará entre o 19 e o 28 de setembro.

Compostela Gastronómica aspira a ser un evento gastronómico propia cunha sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode atopar no Mercado de Abastos de Santiago. Por este motivo, o Mercado de Abastos será o principal centro das actividades do seu programa, que irán dende xornadas para profesionais ata actividades de promoción de produtos galegos.

Tal como apuntou o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, na presentación do evento o pasado seis de agosto no Mercado de Abastos, "Compostela Gastronómica non resposta a un modelo que se pode desenvolver en múltiples cidades, senón que é un proxecto pensado dende Santiago e para Santiago". A intención é poder consolidar un evento diferenciado que sirva de plataforma de promoción dos produtos e da gastronomía galega.

As informacións e actividades de Compostela Gastronómica poden seguirse nas contas do evento nas principais redes sociais: Twitter, Facebook, Instagram, Pinterest e Youtube.

Compartir: