SERVIZOS SOCIAIS

O Concello achega 7.300 euros á Asociación de Persoas Xordas de Santiago para o servizo de interpretación de lingua de signos

13/08/2014 A concelleira de Servizos Sociais, María José Corral, e o presidente da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela, José Antonio Pais, asinaron esta mañá un convenio de colaboración en virtude do cal o Concello achega á esta entidade social 7.300 euros para a prestación dun servizo de interpretación linguaxe de signos. Este acordo forma parte dos 29 convenios que o Concello de Santiago asina con entidades sociais da cidade, por un importe de case 386.877 euros.

Este acordo fixa o marco de colaboración do Concello coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago para a prestación do Servizo de Interpretación de Lingua de Signos Española (S.I.L.S.E). Este ten por obxecto ofrecer interpretación simultánea de lingua de signos española a lingua oral (galego/castelán) e viceversa. No caso de realizarse servizos con persoas xordocegas, a interpretación efectúase entre a lingua de signos apoiada e a lingua oral.

O guía-intérprete de persoas xordocegas (ILSE-GI) é un elemento imprescindible para posibilitar o acceso á información e á comunicación das persoas Xordas e xordocegas. A súa actividade profesional abarca todos os campos da vida cotiá, sendo especialmente necesario nos ámbitos xurídico, médico, educativo, laboral e institucional.

Este servizo está dirixido a persoas xordas, xordocegas, con discapacidade auditiva e aos seus familiares, así como a oíntes e a tódolos organismos, centros e entidades públicas e privadas que o precisen, co fin de eliminar as barreiras de comunicación en accións imprescindibles para o desenvolvemento dunha vida cotiá normalizada no ámbito do concello de Santiago de Compostela.

O guía-intérprete prestará servizos ao propio Concello de Santiago en actos públicos de interese xeral como o discurso o pregón das Festas do Apóstolo ou o discurso dos Reis Magos dende os balcóns de Raxoi, entre outros. Pero ademais, intervirá en ámbitos coma os seguintes: sanitario (solicitude de citas e consultas médicas, hospitalizacións e intervencións cirúrxicas, probas médicas, cursos de preparación ao parto), educativo (tramitación de matrículas, exames, reunións titoriais de pais e nais), laboral (xestións relacionadas coa busca de emprego, reunións sindicais e empresariais), relixioso (bautismos, comuñóns, vodas, funerais); financeiro (xestións en bancos), legais (xestións con avogados, notarios ou asesorías xurídicas), subministracións (xestións de auga, luz, teléfono), comerciais (xestións en axencias de viaxes, inmobiliarias, seguros), administracións públicas (rexistros, Seguridade Social, INEM), forzas de seguridade (policía, bombeiros).

O servizo estará dispoñible de luns a xoves de 9:00 a 13:00 horas e os venres de 9:00 a 13:30 horas. Non obstante, fóra deste horario cubriranse servizos sanitarios, laborais ou educativos que non poidan ser realizados dentro do horario habitual.

Asociación de Persoas Xordas de Santiago
A Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela fundouse no ano 1977 como unha entidade sen ánimo de lucro, de e para as persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva. Creada como un punto de encontro entre aquelas persoas con unha discapacidade auditiva, a Asociación vén traballando diariamente para mellorar a calidade de vida das persoas xordas e lograr a plena integración e igualdade en todos os ámbitos. Ten a súa sede nun local cedido polo Concello na Casa das Asociacións de Benestar Social, en Salgueiriños.

Compartir: