TURISMO

O aeroporto de Santiago de Compostela xa suma en 2014 máis pasaxeiros internacionais que en todo o Ano Santo 2010

12/08/2014 O aeroporto de Santiago, grazas a incorporación das novas conexións a Roma, Ámsterdam e Bruxelas, conta neste ano 2014 coa maior conectividade internacional da súa historia, con 13 conexións directas a destinos foráneos. O aumento na oferta de conexións, que permite que Santiago e Galicia sexan máis accesibles para mercados turísticos estratéxicos, está posibilitando que o aeroporto estea vivindo o mellor ano da súa historia en tráfico internacional.

No mes de xullo, as 13 conexións internacionais do aeroporto sumaron 60.848 pasaxeiros. Esta cifra representa un crecemento do 29,05% respecto dos 47.149 pasaxeiros que houbo no mes de xullo do 2013. Trátase dun crecemento moi importante, sobre todo tendo en conta que o ano pasado foi o ano con maior tráfico internacional na historia do aeroporto ata o momento.

O aumento no mes de xullo debeuse a dúas razóns complementarias: por unha banda, á incorporación das novas rutas de Vueling a Roma, Ámsterdam e Bruxelas, que sumaron entre as tres máis de 10.000 pasaxeiros e que tiveron uns bos datos de ocupacións malia a súa recente implantación; por outra banda, ao bo comportamento xeral das outras dez conexións internacionais, que están a amosar a súa consolidación, cun crecemento conxunto de 3.000 pasaxeiros.

O aeroporto de Santiago sumou xa 244.238 pasaxeiros nas súas conexións internacionais nos sete primeiros meses do ano. Son 58.620 pasaxeiros máis que no mesmo período do 2013, o que representa un crecemento acumulado do 31,58% respecto do mesmo período do ano pasado, que marca ata o momento o máximo histórico do aeroporto.

O aeroporto de Santiago leva tres anos consecutivos aumentando a súa conectividade internacional e crecendo en pasaxeiros neste tipo de conexións. Este aumento continuado permitiu que nos primeiros sete meses deste ano xa se moveran máis pasaxeiros en conexións internacionais que durante todo o Ano Santo 2010.

É previsible que nos vindeiros meses continúe o crecemento nas conexións internacionais do aeroporto de Santiago, xa que as novas conexións a Roma, Ámsterdam e Bruxelas continuarán sumando novos pasaxeiros e agárdase tamén que as outras dez conexións consolidadas sigan aumentando o seu tráfico. Así, considérase que se está en camiño de cumprir o obxectivo marcado para este ano, que é superar por primeira vez os 400.000 pasaxeiros nas conexións internacionais do aeroporto.

Compartir: