PROTECCIÓN ANIMAL

O refuxio de Bando incrementa a recepción de animais nestes meses de verán

17/08/2006 A época de vacacións e, sobre todo, a chegada da época de xestación de gatas e cadelas fai que durante estes meses se incremente o número de animais que chegan ata o refuxio de Animais de Bando. Máis de 300 cans e gatos moran nestes intres nas instalacións, á espera da súa adopción.

As vacacións do verán convértense cada ano na escusa que algúns propietarios atopan para non facerse cargo dos seus animais. "Non o din así directamente, simplemente din que non se poden facer cargo dos animais", comenta a directora do refuxio, Paloma Aguirre, a propósito dalgunha xente que chega ao complexo nestas datas. A este respecto, lembra que "hai moitas outras opcións antes que deixar os animais na canceira, dende deixalos con familiares ou nunha residencia canina a levalos con eles mesmos, porque hai moitos hoteis que admiten animais; a xente debe programar as súas vacacións".

Pero máis que o propio período de lecer, a maior chegada de animais ao refuxio ten que ver coa tempada de xestación de gatas e cadelas e coa imposibilidade dos donos de facerse cargo das camadas. Noutras épocas do ano, inciden outros factores coma o remate da tempada de caza ou mesmo os peregrinos, con eses cans que chegan con eles e que logo deixan na cidade.

O refuxio de Bando, situado no lugar de Zarramacedo, recibe uns 60 animais cada mes, entre cans e gatos. De todos os que chegan cada ano, aproximadamente a metade atopan unha familia de adopción. Ademais da imposibilidade de facerse cargo dos animais ou das camadas dos mesmos, as causas principais de entrada de cans e gatos no refuxio son o abandono intencionado (na rúa ou no propio refuxio), o extravío e os atropelos.

Coidados específicos

Cada animal que entra no refuxio ten garantido o seu coidado. Logo de comprobar se o animal está identificado (con microchip, tatuaxe ou colar) todos son fichados e clasificados para facer o seu seguimento dentro do centro. Todos os animais son inspeccionados pola veterinaria e directora do centro, Paloma Aguirre, e son aseados e desparasitados. Os casos que precisan de tratamento veterinario e incluso de operación cirúrxica son atendidos inmediatamente co obxectivo de salvar a vida de todos os animais. Os cans e gatos operados recupéranse nunha sala específica para estes casos.

Unha vez na zona de residencia, cada can e gato é seguido de xeito individual. O persoal do centro clasifica aos cans en función do seu carácter. O refuxio de Bando é un albergue transitorio, xa que o obxectivo do centro é fomentar a adopción responsable dos animais e buscar un fogar para cada un deles.

Cando son adoptados, os cans son entregados en perfecto estado de saúde e hixiene, desparasitados e identificados cun microchip tal como marca a lei. Existen tres formas de adoptar un animal do refuxio. Unha é a adopción aconsellada, na que o persoal aconsella e o usuario elixe un animal en función das súas necesidades. Outra opción é a adopción transitoria. Nestes casos óptase por axudar a alguén que necesita temporalmente (por razóns laborais, familiares, etc.) un fogar para a súa mascota por non poder atendela. A última posibilidade é o apadriñamento, que consiste en facerse cargo dos gastos de alimentación e coidados veterinarios daqueles animais maiores ou que polas súas condicións físicas teñen moi difícil a adopción por unha familia.

Compartir: