ALCALDÍA

O novo parque da Finca do Espiño ábrese á cidadanía cun programa de visitas guiadas

12/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, inaugurou e deu por aberto ao público o novo parque da Finca do Espiño. Son 18.000 metros cadrados que se suman aos 47 grandes espazos verdes cos que xa conta a cidade. Para dar a coñecer este novo enclave natural, programouse un calendario de visitas guiadas.

Dende este martes e ata o 14 de setembro realizaranse dúas visitas guiadas semanais. Serán os martes as 18:00 e os sábados as 11:30 horas. Para participar só é preciso inscribirse con 24 horas de antelación no teléfono 661 406 965 o no correo electrónico parquesxardins@gmail.com. En calquera caso, o novo parque estará aberto ao público das 8:00 ás 23:00 horas de abril a setembro, e de 9:00 a 20:00 de outubro a marzo.

Agustín Hernández convidou a composteláns e visitantes a coñecer este "fermoso e singular espazo público", en cuxo acondicionamento se investiron máis de 800.000 euros. Santiago suma así un novo espazo natural, contribuíndo a que a cidade "siga sendo unha referencia en número e calidade das súas zonas verdes". Neste sentido, lembrou que Compostela "sitúase nun ratio de 23,8 metros cadrados de zonas verdes por habitante e cunha árbore por cada catro habitantes, cifras que están moi por riba das recomendacións dos organismos internacionais, que cifran o ratio recomendable entre 10 e 15 metros cadrados por habitante".

Sobre o novo parque, o alcalde destacou a súa biodiversidade, cunha valiosa riqueza botánica e zoolóxica, cunha carballeira protexida, con vellos camelios e outras árbores exóticas singulares; ademais de contar con espazos para pasear entre rosaledas, un xardín ornamental e zona de pradaría.

Durante o acto de apertura, que incluíu un paseo polo parque, o rexedor lembrou que dentro da Finca do Espiño está tamén o palacete modernista proxectado por Jesús López Rego para o político Ramón Gutiérrez de la Senra. "Agora mesmo esta edificación encóntrase en ruínas e permanece valada, pero xa se conta cun proxecto de rehabilitación que se licitará no mes de setembro", explicou.

Compartir: