DESENVOLVEMENTO URBANO E MOBILIDADE

A avenida de Coimbra será a vía alternativa para o transporte urbano durante as obras na rúa dos Basquiños

07/08/2014 Os concelleiros de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e de Seguridade e Mobilidade, Alejandro Sánchez-Brunete, deron conta en rolda de prensa dos principais detalles e consecuencias para o tráfico e o transporte urbano da obra de reurbanización da rúa de Basquiños, no tramo comprendido entre as travesas de Basquiños e Pastoriza, cuxo comezo está previsto para a semana do 18 ao 24 de agosto. Os autobuses urbanos que transitaban por Basquiños terán agora que utilizar a avenida de Coímbra para reintegrarse en Santa Clara ao percorrido habitual.

Segundo explicou Teresa Gutiérrez, o obxectivo desta actuación, incluída no programa Urbana Santiago Norte, é "humanizar e facer máis habitable" esta rúa, priorizando o tráfico dos peóns, se ben se manterán os carrís de circulación viaria en ambos sentidos. Renovaranse todas as redes de servizos deste ámbito e intervirase nas beirarrúas, cambiando pavimentos e resolvendo os problemas de diferenza de niveis e pavimentos heteroxéneos acumulados ao longo da historia desta vía.

Crearanse zonas de estar, nas que se colocarán bancos de pedra e arborado. Tamén será importante a intervención que se realizará na contorna da igrexa, coa eliminación de desniveis e a pavimentación en pedra. A intervención nesta parte tamén pretende facilitar o xiro do autobús urbano e o seu acceso á travesía de Pastoriza. Os traballos teñen un prazo de execución de seis meses, se ben se intentará reducir ese prazo por parte do adxudicatario.

Para que esta obra poida comezar na semana do 18 ao 24 de agosto, estase traballando na avenida de Coímbra, que se converterá en vía alternativa para o transporte urbano. Así, débese demoler a beirarrúa, na conexión desta vía coa avenida de Xoán XXIII, para que os autobuses urbanos poidan xirar e circular con seguridade en ambas direccións.

Ademais, o luns 11 de agosto quedará aberta ao tráfico de vehículos lixeiros e de autobuses urbanos a rúa de San Pedro. Así, poderán volver ao seu percorrido habitual algunhas liñas de autobús, que debido ás obras desta vía tiñan que circular polo ámbito que agora entrará en obras.

Cortes de tráfico e reordenación do transporte urbano
Sobre as modificacións no tráfico e no transporte urbano que implica a obra de Basquiños falou Alejandro Sánchez-Brunete, destacando que se vai actuar sobre un "eixe vertebrador" da cidade. Así, lembrou que o 60% das expedicións e o 80% dos pasaxeiros do servizo urbano de transporte teñen paso pola rúa dos Basquiños. A isto súmase a ausencia de vías de alta capacidade alternativas neste entorno da cidade.

Se ben as obras afectan ás rúas Basquiños e á confluencia de Pastoriza coa travesía do mesmo nome, o corte do tráfico realizarse, nun extremo, dende a praza da Paz e, no outro, dende a confluencia da rúa de Coímbra coas rúas Santa Clara e San Roque. Non obstante, os residentes e os servizos de carga e descarga terán garantido o acceso mentres dure a obra.

A alternativa escollida para o transporte urbano, a avenida de Coímbra, é a que "trastorna menos a estrutura xeográfica e horaria dos autobuses, incidindo no menor número posible de paradas", explicou Alejandro Sánchez-Brunete. Iso, si, nesta vía alternativa suprimiranse unhas 35 prazas de estacionamento para residentes, que se trasladarán á rúa dos Xasmíns.

O concelleiro pediu comprensión aos veciños por esta medida e apelou á "sensibilidade" cidadá para facilitar o tránsito, en especial, do transporte urbano. Tamén quixo recomendar aos condutores evitar, no posible, a rúa Virxe da Cerca para atravesar a cidade, utilizando no seu lugar vías alternativas como Galeras ou a avenida de Lugo. En calquera caso, recordou, todos os cortes e as vías alternativas estarán sinalizadas en diferentes puntos da cidade.

Compartir: