CULTURA

Noite Curta presenta as mellores curtas de Curtocircuíto 2013 na praza das Praterías

06/08/2014 Noite curta é cine de verán ao aire libre programado e organizado polo Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto. A primeira proxección de curtas será este xoves e presentará os gañadores de Curtocircuíto 2013 na praza das Praterías ás 22:30horas. As proxeccións continuarán os días 14 e 21 de agosto.

O programa de proxeccións desta primeira entrega de Noite Curta é:

1. Burning Hearts, James McFay / 2012 / 14 min / Xapón e Australia / Ficción

PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE INTERNACIONAL
Cando a Yakuza agride unha moza á que lle acaban de romper o corazón, o taxista que a levaba debe recorrer aos seus talentos ocultos para salvala.

2. Comme des lapins, Osman Cerfon / 2012 / 8 min / Francia / Animación, ficción

MENCIÓN ESPECIAL SECCIÓN INTERNACIONAL
O home de cabeza de peixe busca a súa sorte nunha feira mentres segue soltando as súas burbullas de pesimismo.

3. The Mass of Men, Gabriel Gauchet / 2012 / 17 min / Reino Unido / Ficción

PREMIO DO XURADO NOVO
Richard, un desempregado de 55 anos, chega tres minutos tarde á súa cita nun centro de busca de emprego. A orientadora, reprimida polo sistema no que traballa, non ten máis remedio que penalizalo por impuntual.

4. Nashorn im Galopp, Erik Schmitt / 2013 / 15 min / Alemaña / Ficción

PREMIO DO PÚBLICO
Bruno vaga polas rúas de Berlín buscando a alma da cidade. De súpeto atopa una aliada para a súa busca e namórase ao instante. Pero ela tamén busca algo que fará que deseguida teña que deixar a Bruno e Berlín.

5. Mr. Bear, Andrés Rosende / 2012 / 14 min / Galiza, Estados Unidos / Ficción

MENCIÓN ESPECIAL SECCIÓN GALIZA
É Nadal outra vez: familia, regalos, festas…; a peor época do ano para Steve. De camiño a Nova York para a cea de Noiteboa, o seu coche déixao tirado e, accidentalmente, tropeza coa escena dun crime.

6. Sangue de unicornio, Alberto Vázquez / 2013 / 9 min / Galiza / Animación, ficción

PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE GALIZA
Dous osiños saen cazar unicornios, a súa presa predilecta. Os unicornios teñen unha carne suave e un sangue delicioso con sabor a arandos que os osiños necesitan para manterse fermosos.

7. The Devil, Jean-Gabriel Périot / 2012 / 7 min / Francia / Documental

PREMIO MELLOR CURTAMETRAXE EXPLORA
Non sabedes quen somos.

Documentos relacionados



Compartir: