ALCALDÍA

Agustín Hernández afirma que o Bosque de Galicia vai transformar e integrar en Compostela a contorna da Cidade da Cultura

05/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, considera que o Bosque de Galicia "vai transformar unha parte importante da cidade, achegándolle unha nova perspectiva na que se dan a man natureza e calidade de vida". Así o indicou no acto de presentación deste proxecto, celebrado no Centro Sociocultural da Trisca e presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Agustín Hernández lembrou que, aínda que quizais non sexa tan coñecido como outros ámbitos da cidade, Compostela conta cun importante patrimonio natural, de 2.276.500 metros cadrados e 26.243 árbores, de xeito que o municipio se sitúa nun ratio de 23,8 metros cadrados por habitante e dunha árbore por cada catro habitantes, moi por riba das recomendacións dos organismos internacionais, que cifran o ratio recomendable entre 10 e 15 metros cadrados por habitante.

A este patrimonio natural, con 47 grandes parques, sumarase agora este Bosque de Galicia, un espazo de 24 novas hectáreas con 9.000 árbores máis e unha superficie equivalente a tres veces a actual Alameda de Compostela, segundo explicou o alcalde. "Este bosque, que se vai crear con especies autóctonas na ladeira do Monte Gaiás, vai significar unha importante mellora para a paisaxe da contorna da Cidade da Cultura, e vai supoñer a integración desa zona co conxunto da cidade, ampliando os seus efectos a outros aspectos relevantes", dixo.

Tamén destacou que "o acceso a través de sendas peonís e a recuperación de antigos trazados agrícolas van permitir actividades produtivas e abrir toda esta área á cidadanía, ofrecéndolle un lugar para expansión, o deporte e o lecer en íntima conexión coa natureza". Neste sentido, indicou que estas sendas se incorporarán aos itinerarios verdes urbanos de Compostela, que xa conta con tres rutas circulares, de distintas lonxitudes, con inicio e remate na Alameda.

Á súa vez, destes tres itinerarios saen desviacións cara a Granxa do Xesto, Brandía ou o Monte de Deus. "Polo tanto –indicou- nun futuro próximo o Monte Gaiás e o seu bosque incorporaranse a estes itinerarios, como unha desviación máis".

"Con este bosque, Santiago gaña en calidade ambiental, incorpora un novo sinal de identidade, mellora a súa dotación de espazos naturais e, en definitiva, reforza a harmonía dunha cidade que debe medrar sendo cada paso máis habitable", concluíu Agustín Hernández, non sen antes agradecer á Xunta e á Fundación Juana de la Vega a realización deste proxecto.

Compartir: