CULTURA

Noite Curta, cine de verán ao aire libre para os xoves do mes de agosto

05/08/2014 A concelleira de Cultura, María Antón, o director do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, Pela del Álamo e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron Noite curta, proxeccións para as noites estivais de agosto en Compostela, completando a programación que anima as rúas de Compostela durante este mes. A actividade está prevista para os xoves 7, 14 e 21 de agosto, ´´as 22:30 horas, na praza das Praterías.

Noite curta é cine de verán ao aire libre programado e organizado polo Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, un festival que naceu en 2004 coa intención de potenciar e premiar a creación audiovisual no eido das curtas e que xa se converteu nun referente internacional deste formato e do que este ano 2014 celebramos a 11ª edición do 6 ao 11 de outubro. ‘Noite curta’ cambia este ano de nome e terá lugar nun dos mellores anfiteatros naturais que ten a cidade, a praza das Praterías os tres primeiros xoves de agosto.

Retomando o espírito dos cines de barrio, Noite Curta pretende achegar tanto aos cidadáns como aos visitantes o cinema en curto máis novidoso. Neste ano 2014, a programación consistirá en tres programas diferenciados.

O xoves 7 de agosto de 2014, vez para as "As mellores curtas de Curtocircuíto 2013". Proxectarase unha selección dalgunhas das curtas premiadas na pasada edición do festival Curtocircuíto. Contaremos con catro títulos europeos, un australiano e dous galegos.

Para os xoves 14 e 21 de agosto de 2014 queda o "V aniversario Marvin & Wayne, I e II". A distribuidora Marvin & Wayne está de aniversario. Cumpre cinco anos de vida, os mesmos que leva colaborando con Curtocircuíto. Actualmente é a distribuidora de curtas máis activa de España. Para celebralo, van levar a cabo unha ruta de proxeccións por máis de 15 cidades: Barcelona, Madrid, Avilés, León, Girona, Tenerife, Santiago de Compostela, Bogotá, México DF, Berlín, Bruxelas, Rabat, Tánxer ou Moscova, entre outras. Neste programa dobre proxectaranse 10 curtas españolas, unha arxentina e tres galegas.

As proxeccións serán ás 22:30 horas e irán precedidas dunha breve presentación.

Compartir: