PATRIMONIO

A UNESCO declara o "Valor Universal Excepcional" da Cidade Vella de Santiago

02/08/2014 O Comité de Patrimonio Mundial, órgano pertencente a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO),vén de realizar a declaración retrospectiva de Valor Universal Excepcional da Cidade Vella de Santiago. Así se acordou na última reunión do devandito Comité celebrada en Doha (Qatar), tal como lle comunicou ao Concello o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. O Camiño de Santiago tamén recibiu este recoñecemento.

A declaración refírese á Cidade Vella de Santiago como un "extraordinario conxunto de monumentos", na que, en prazas en rúas, se mesturan edificios románicos, góticos, renacentistas, barrocos e neoclásicos. "Esta cidade é non só unha cidade histórica harmoniosa e moi ben conservada, senón tamén un lugar profundamente impregnado de fe. Define a Catedral como "obra mestra da arquitectura románica" e á praza do Obradoiro como "unha das zonas urbanas máis bonitas do mundo".

O documento valora a conservación dun "valioso centro histórico, coñecido como unha das máis grandes cidades santas da Cristiandade". "Todas as correntes culturais e artísticas europeas, dende a Idade Media ata a actualidade, deixan un extraordinario traballo artístico na cidade", indícase. Tamén hai referencias á influencia de Compostela no desenvolvemento da arquitectura e da arte non só en Galicia, senón no norte da Península Ibérica. E tampouco faltan as alusións ao fenómeno xacobeo.

O Comité de Patrimonio Mundial apunta que a Cidade Vella de Santiago presenta "un notable estado de conservación, en gran parte debido ás políticas de conservación que preservaron a integridade dos monumentos e edificios que forman o conxunto de arquitectura civil e relixioso". Destaca a integración de elementos de diferentes épocas dentro dun "tecido urbano de alta calidade".

"A cidade vella é un lugar habitable e animado onde habitantes e negocios conviven co turismo. O desenvolvemento urbano respectou os espazos naturais, onde os verdes campos galegos se unen á cidade histórica", apunta o documento.

Na declaración tamén se fai referencia a unha cidade na que se combina "a arquitectura galega orixinal, coas súas típicas galerías de madeira e materiais tradicionais, como a pedra, a madeira ou o ferro, con grandes monumentos que constitúen un magnífico percorrido ao longo da historia da arte europea e universal".

Recoñecemento á protección e conservación
Capítulo especial neste recoñecemento da Unesco merece a protección e a conservación, materia na que valora singularmente o papel do Consorcio de Santiago: "Dende a súa creación, o Consorcio levou a cabo importantes obras de restauración de monumentos e espazos públicos e sufragou e implementou proxectos de rehabilitación, tanto para vivendas como para locais comerciais co fin de preservar as actividades tradicionais do centro histórico". Non obstante, o Comité tamén valora as accións de conservación levadas a cabo polo Concello e polo Goberno autonómico. "O marco de regulación que permite a conservación e as acción de xestión están marcadas polo Plan Especial de protección e rehabilitación da cidade de Santiago de Compostela", engade o documento.

O Comité de Patrimonio Mundial non se esquece dos desafíos da cidade. Neste sentido, indícase que se "emprenderon accións cara a diversificación da oferta turística e para desviar os fluxos de visitantes a outros espazos da cidade", cunha cita expresa á Cidade da Cultura.

Cara o futuro, o organismo da UNESCO apunta que deben preverse cambios no Plan Especial para "preservar as actividades comerciais tradicionais na cidade vella e para apoiar as políticas de conservación de edificios e monumentos, así como a recuperación de espazos degradados".

Requisito para os bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial
A declaración de Valor Universal Excepcional é un requisito esencial para a inscrición na Lista de Patrimonio Mundial dende 2007. Para aqueles bens incluídos na Lista entre 1978 e 2006, a declaración redáctase e apróbase con posterioridade. Así aconteceu coa Cidade Vella de Santiago, que figura inscrita na Lista de Patrimonio Mundial dende o ano 1985.

Na última reunión do Comité en Doha, aprobáronse 127 declaracións de bens de todo o mundo, 16 deles españois. España é o segundo país do mundo con bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial, con 44.

Compartir: