SERVIZOS SOCIAIS

O Concello de Santiago achega 130.000 euros a 15 entidades sociais da cidade

01/08/2014 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, asinou esta mañá a Casa do Concello os convenios de colaboración coas seguintes entidades ASPAS, Itínera, Don Bosco, Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, Aspanaes e AGAL. Estes acordos súmanse aos asinados na xornada do xoves con AGADEA, Fonte da Virxe, Fundación Andrea, San Vicente de Paúl, Secretariado Xitano, Sarela, Cruz Vermella, Banco de Alimentos e FEAFES. Estas 15 entidades recibirán un total de 130.400 euros.

A achega municipal serviralle á Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) de apoio ao servizo de comedor nos centros da entidade. Así, o comedor do centro ocupacional e o centro de día serve unha media de 100 comidas diarias de luns a venres, mentres que nas vivendas do centro ocupacional funciona a cociña de luns a venres para servir o almorzo e a cea a 25 persoas con discapacidade intelectual. Hai que sumar igualmente o centro de Laraño, que funciona para 35 internos con almorzo, xantar, merenda e cea.

O convenio con Itínera (Voluntarios en Saúde Mental) ten como obxectivo o financiamento do programa Ágora, de desenvolvemento socio-educativo e cultural. Esta iniciativa pretende contribuír a mellorar a integración social e laboral das persoas con Trastorno Mental Severo (TMS) a través da promoción do voluntariado neste ámbito.

O Concello axudará á Escola de Tempo Libre Don Bosco na realización de programas educativos para o tempo libre de rapaces e mozos (Proxecto Tardes en Papaventos), que se desenvolven ao longo de todo o curso escolar.

No caso da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, a colaboración establécese para dous programas, o de Cocaína e o de Terapia Familiar. O primeiro ten o obxectivo de favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou poden recuperala sen demasiadas complicacións. O Programa de Terapia Familiar realízase con dous fins: que a familia saiba moverse eficazmente na nova situación creada a partir do ingreso dun familiar no programa e que atope ela mesma espazos axeitados.

A Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes) recibe unha subvención para o Programa de participación comunitaria de persoas con Trastorno de Espectro Autista, do que se benefician unhas 60 persoas.

O acordo coa Asociación Galega de Lupus (AGAL) fixa a colaboración co servizo de información, xestión e asesoramento desta entidade, que actúa frecuentemente como intermediario, facilitando o acceso, a comunicación e a derivación, nos casos en que é posible, aos recursos do sistema ordinario. Se isto non é posible, busca outras canles a través de recursos alleos ou propios.

A achega á Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos de Alzheimer (AGADEA), ten por obxectivo sufragar os custos dun servizo de transporte adaptado, necesario para por en marcha uns talleres de estimulación cognitiva e psicomotriz para enfermos de Alzheimer e outras demencias dexenerativas.

A Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais Fonte da Virxe recibe unha achega para o seu programa de respiro familiar. Os obxectivos xerais deste programa son: proporcionar períodos de descanso ás familias e mellorar as relacións familiares das persoa que padecen unha enfermidade coa familia).

Para a Fundación Andrea, de apoio aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, a colaboración municipal plásmase no seu proxecto de psicoterapia, baseado no apoio psicolóxico permanente a nenos e nenas con enfermidades de longa duración e ás súas familias. A intervención inclúe terapias de grupo e individuais, así como reunións mixtas familiares

O Concello tamén colabora coa Asociación San Vicente de Paúl de Voluntarias da Caridade nos seus servizos de entrega gratuíta de alimentos, de roupeiro (entrega de roupa nova ou en bo uso doada por comercios ou particulares a familias en situación de precariedade económica) e noutras atencións (casos urxentes de aluguer de vivenda, pagamentos de recibos de subministracións a beneficiarios en situacións límite, pago de gastos en uniformes, matrícula, comedor ou material escolar e óptico a nenos e nenas, procura de traballo a persoas...).

A Fundación Secretariado Xitano recibe das arcas municipais unha subvención para desenvolver o seu programa Acceder. Grazas ao mesmo trabállase en accións dirixidas á poboación de etnia xitana como a creación dun espazo de inclusión laboral, a cualificación profesional e o acceso ao emprego, a intermediación laboral ou a sensibilización social fronte a prexuízos ou prácticas discriminatorias.

No caso da Asociación de Dano Cerebral Sarela, colabórase no seu Programa de Integración Comunitaria, que busca a adquisición por parte dos afectados por este tipo de doenzas daquelas habilidades necesarias para manexarse axeitadamente na comunidade e integrarse nela, así como a mellora da calidade de vida tanto deles como das súas familias.

A colaboración anual con Cruz Vermella ten como beneficiarios os programas de Axuda a Domicilio Complementaria, Proximidade Local, Teleasistencia Domiciliaria e Envellecemento Activo: Redes Sociais.

O Concello axuda á Asociación Banco de Alimentos Rías Altas para as súas actividades de distribución e transporte de alimentos. Diariamente, este Banco capta e recolle alimentos doados por provedores ou polos fondos agrarios e distribúeos entre as diferentes entidades beneficiarias. Ademais, organiza diversas colectas de alimentos en grandes superficies.

Finalmente, tamén se asinou o convenio coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), en virtude do cal se colabora no seu Programa de atención integral a persoas con enfermidade mental e as súas familias en Santiago. Consiste fundamentalmente en accións de rehabilitación psicosocial e apoio comunitario.

Compartir: