FESTAS E TURISMO

Máis de 60.000 persoas participaron nos eventos dunhas Festas do Apóstolo exitosas no turístico e cun 10% máis de peregrinos

01/08/2014 O variado e amplo calendario de actividades das Festas do Apóstolo deixa un balance de máis de 60.000 asistentes. O programa e a animación destas 14 xornadas traduciuse tamén nunha alta ocupación turística, á que se engadiu a chegada dun 10% máis de peregrinos que en xullo de 2014. Así o confirmaron en rolda de prensa as concelleiras de Festas, María Antón, e de Turismo, Reyes Leis.

María Antón destacou que o programa se caracterizou por "actividades pensando en todos os públicos e nos diferentes gustos de consumo cultural". De aí que "as expectativas de participación se cumpriran con creces, cun aforo na praza da Quintana que estivo ao 80% nos diferentes concertos, agás o do día 24, que estivo ao 100%".

Mención especial lle mereceu á concelleira de Festas o espectáculo audiovisual e pirotécnico do 24 de xullo, que "se iniciou coa homenaxe ás vítimas de Angrois e que tanta expectación causou pese aos condicionantes que supoñían ás obras nas torres da Catedral". Afirmou que esta aspecto quedou minimizado e cualificou de "marabilloso" o evento, convencida da "satisfacción do público que enchía a praza do Obradoiro".

Da calidade dos concertos destas Festas, con artistas galegos, españois e internacionais de renome, dá conta o balance de asistencia: Gallaecia Big Band, 600 persoas; Xornadas de Folclore, 2.000; Elefante Elegante, 300; Día do Traxe e Susana Seivane, 1.500; Silvia Howard Quintet e Roland Tchalountè, 2.500; III Certame Folk, 4.500; Vintage Trouble e Novedades Carminha, 4.500; Loquillo, 5.000; Los Planetas e Disco Las Palmeras, 3.000; Crystal Fighters, 3.400; Real Filharmonía de Galicia, 2.000; Natalia Ensemble, 200; Belle & Sebastian e Caxade, 3.000; La Banda del Camión e Riff Raff, 2.000; Tinariwen e Narf Trío, 3.000; Real Filharmonía de Galicia (Auditorio), 500; e Juan Perro e Zarabanda, 3.700 persoas.

A isto hai que sumar ó público que asistiu aos concertos das orquestras Ipanema, Los Satélites, América, The Machine Boys e Olympus. Esta última congregou 5.000 persoas na praza do Obradoiro na última xornada das Festas, mentres que as demais reuniron entre 1.200 e 1.500 persoas en cada actuación.

Tamén formaron parte do programa diversas actividades na Cidade da Cultura: Orquestra de Cámara Galega, 220 persoas; De Nauters, 200; Austrian Sound Scapes, 130; Chick Corea e Stanley Clarke, 660, e La Maravillosa Orquesta del Alcohol, 200 persoas.

"Todo isto supón unha participación dunhas 55.000 persoas, pero se engadimos o público das actividades de rúa, máis complicado de cuantificar, estariamos falando de máis de 60.000 persoas", indicou María Antón.

Ademais, resaltou que as Festas do Apóstolo transcorreron con "normalidade e sen ningunha incidencia importante". Neste sentido, agradeceu ao público a súa participación, pero tamén "o seu labor e dedicación" a todos os corpos e forzas de seguridade, de Protección Civil ou de produción dos concertos.

Alta afluencia de turistas e peregrinos
Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Reyes Leis, apuntou que a valoración máis precisa en canto ás pernoctacións poderá realizarse cando o INE publique os datos oficiais de xullo, aínda que avanzou que dende o Concello, no eido turístico, "o resultado das festas e, en xeral, do mes de xullo, foi postivo". Así, comezou por destaca ros datos ofrecidos polos propios hoteleiros, que falan sobre "un cheo total, cunha demanda que non se vía hai anos e cun aumento importante de prezos. Son datos moi bos, especialmente tendo en conta que no mes de xullo se ofrecen unhas 8.000 prazas hoteleiras na cidade, segundo o INE, unha cifra moi considerable".

Tamén foi moi importante o dato de chegada de peregrinos. Segundo explicou Reyes Leis, durante o mes de xullo, o número de peregrinos creceu máis dun 10% con respecto a xullo de 2013. "A falta dos datos definitivos da Oficina de Acollida ao Peregrino, pódese dicir que se roldaron os 40.000 peregrinos en xullo, fronte os 35.509 do ano pasado", dixo, lembrando que, de continuar esta liña, 2014 pode converterse no ano non santo co maior número de peregrinos da historia, cunha cifra que pode achegarse aos 230.000 peregrinos.

"Pero o interesante é que se creceu tanto en peregrinos domésticos como en peregrinos internacionais", engadiu. Así, os seis países con máis peregrinos foron Italia, Estados Unidos, Alemaña, Portugal, Francia e Polonia. Compre destacar que o número de peregrinos de EEUU continúa medrando e xa é un mercado importante para a cidade. Tamén subliñou a concelleira o empurrón do Camiño en Polonia, un mercado de 40 millóns de persoas de fondas raíces católicas.

Reyes Leis tamén ofreceu datos da oficina de Turismo de Santiago, que atendeu máis de 31.690 consultas no mes de xullo, fronte as 27.365 de 2013, rexistrándose un incremento do 16%. "Hai dous fenómenos positivos complementarios: aumentamos as consultas internacionais, pasando de 13.238 a 14.888 (un 12% máis), pero tamén as domésticas, pasando de 14.127 a 16.802, (un 19% máis)", explicou

"Estes datos consolidan o crecemento que estamos tendo no conxunto do ano, no que xa atendemos 92.561 persoas, un 5,4% máis que as 87.811 dos primeiros sete meses de 2013. O interesante é que practicamente o 60% destas persoas eran estranxeiros, 55.216", dixo. No que vai de ano atendéronse consultas de máis de 100 países, desatacando por riba do resto Francia (8.970), Alemaña (8.662), Italia (5.202), Reino Unido (4.230) e Estados Unidos (4.123).

Documentos relacionados



Compartir: