ALCALDÍA

O período medio de pagamento de facturas a provedores diminuíu ata os 63 días no segundo trimestre de 2014

30/07/2014 No Pleno ordinario deste xoves, 31 de xullo, darase conta do informe de morosidade correspondente ao segundo trimestre de 2014, no que se constata que a redución do período de pago a provedores continúa a reducirse, situándose agora en tan só 63 días. Nesta sesión tamén se informará sobre o balance do Plan de Axuste correspondente ao mesmo trimestre.

O alcalde compostelán, Agustín Hernández, constatou os "avances que se veñen rexistrando na redución dos prazos nos pagos a provedores por parte do Concello". Así, destacou que o número medio de días empregados para pagar unha factura "pasou dos 118 días a finais do ano 2013 ata 78 días no primeiro trimestre de 2014 e a 63 días no segundo trimestre do mesmo ano". Isto supón que, nos seis primeiros meses deste ano, a media do período medio de pago descendeu un 45%.

Á vista destes datos, o alcalde subliñou que "estamos moi preto de cumprir a obriga de pago a provedores en 60 días que establece a Lei de medidas de apoio ao emprendedor aprobada en febreiro de 2013". Neste punto, apuntou que "a finais de 2011, as facturas se estaban a pagar a 145 días, en 2010 a 122 días e en 2009 a 113 días". Fronte a esta situación progresiva de aumento do período de pago a provedores, dixo, "dende 2011 descendeu en 82 días este período, pasando aos 63 do último informe, un 57% menos".

Neste segundo trimestre do ano 2014 pagáronse 1.148 facturas dentro do prazo legal de 60 días. O número medio de días que as facturas permaneceron pendentes de pago era de 74 a finais de 2013, baixando a 63 días no primeiro trimestre de 2014 e a 55 no segundo, un 25% menos, continuando así a tendencia á baixa. O segundo trimestre de 2014 deixou tamén un balance de 11.982,651 euros en facturas abonadas.

"Isto non só axuda á recuperación da economía local, senón que tamén é unha mostra máis do que xa teño dito con motivo doutros ámbitos deste Concello: que a xestión municipal estivo e está a funcionar a pesares da situación atípica de todos coñecida", indicou Agustín Hernández.

Plan de Axuste
O rexedor municipal tamén anticipou que no Pleno se dará conta da documentación remitida ao Ministerio de Facenda relativa ao seguimento do Plan de Axuste no segundo trimestre de 2014. Sobre este destacou que, "transcorridos dous anos do plan, que ten unha vixencia de 10 anos, xa se alcanzaron obxectivos moi considerables, o que sitúa o Concello na senda da estabilidade financeira para o futuro e permitirá acometer políticas activas".

Agustín Hernández lembrou que o actual Goberno local tivera que aprobar este Plan de Axuste en 2012 ante unha situación financeira marcada pola "existencia dunha débeda de 70 millóns de euros, co consecuente pago de intereses e amortizacións; unha débeda de 20 millóns de pago a provedores; e unha senda de déficits continuos: en 2009, de 900.000 euros, en 2010 de 2,6 millóns de euros e 2011 de 1,4 millóns de euros.

"O bo comportamento das magnitudes económico financeiras e orzamentarias, cun remanente de tesourería consolidado en 2013 que ascende a 5,5 millóns de euros, fronte ao previsto no Plan de Axuste, de 3 millóns de euros, permitiu reducir a presión fiscal no Imposto de Bens Inmobles e incrementar os gastos de investimento con cargo a unha operación de endebedamento non prevista no Plan de Axuste, sen que por iso perigue o cumprimento os obxectivos orzamentarios e de estabilidade do Plan", afirmou o alcalde ao respecto, salientando que o Concello se sitúa na "senda da estabilidade futura".

Compartir: