FESTAS

La banda del camión e Riff Raff en concerto dentro do programa de Festas do Apóstolo

28/07/2014 Na xornada do martes 29, no programa de Festas do Apóstolo, a variedade está servida con dous grupos galegos: La Banda del Camión e Riff Raff. Co primeiro gozaremos do rock&roll ao máis puro estilo, interpretando en clave de humor e de xeito moi interactivo co público os seus retrousos pegadizos e, no caso de Riff Raff, sorprenderannos as súas versións de temas de AC/DC. O concerto comezará ás 22:00 horas na praza da Quintana e a entrada é libre ata completar o aforo.

La Banda del Camión fórmase no ano 2000 co único obxectivo de, subidos nun camión, pasar un intre agradable en Entroido e, sobre todo, celebrar as grandezas dalgún partido do Depor, tocando nun bo número de lugares da cidade e arrabaldes, e mesmo tocando co camión en marcha. Ante semellantes concertos, o ambiente de diversión que se creou en torno ás actuacións fíxoos pensar en formalizar o proxecto e ensaiar un pouco, para contar cun repertorio que lle permitise volver aparecer por algún escenario.

Vendo a espléndida acollida do persoal que acudía aos primeiros concertos, Manolo, cantante e fundador da banda, despois dalgúns cambios, logra convencer aos seguintes músicos, que hoxe en día forman a banda: Gandy, guitarra e voz (ex Cacahué), Pedro, batería (ex Cacahué e Herdeiros da Crus), Rocco, baixista e voz (ex Dramáticos) e Kukas, gaita (ex Cacahué, actualmente batería de Konflikto). A canción que abandeira a banda é o "Rock do Deportivo", xa que no centenario decidiron editar un traballo que reunise as distintas versións que se fixeron desta canción, para que todo o mundo puidese telas recompiladas. Aproveitando que Estrella Galicia celebraba o seu centenario, incluíron nese CD unha canción de aniversario dedicada á súa cervexa favorita.

Ademais, como grupo manifestamente namorado da súa cidade, brindaron outra canción á Coruña, que se recupera dun proxecto no que 14 bandas coruñesas cantaban á súa cidade. O último tema de recente creación é unha peza feita con motivo do centenario do club, na que manifestan o sentimento recollido entre os seus familiares e amigos. Posteriormente, a finais do ano 2008, La Banda del Camión saca un novo disco de estudo, Rock'n'roll para nenos, no que recollen 18 temas, algúns inéditos ata a data, outras versións de temas coñecidos e revisións do repertorio habitual da banda do camión. Despois da xira co novo disco, tras un descanso, La Banda del Camión presenta algúns cambios na súa formación. A incorporación de Pablo como músico polivalente (gaita, acordeón...), as voces de Manu, CH e Patri, ademais de Ángel como guitarrista.

Riff Raff versionando a AC/DC
A banda ferrolá Riff Raff é coñecida por versionar como ninguén os temas de AC/DC, formación lendaria do hard rock. Tomás Domínguez -guitarrista e membro do grupo xunto a Toñito (voz), Miguel (guitarra), Colás (batería) e Massa (baixo)- sempre traballan para ofrecer un concerto perfecto. Riff Raff xa tocaron con artistas recoñecidos (entre eles, Os Suaves, Rosendo ou Whitesnake).

Compartir: