ALCALDÍA

O alcalde considera unha "demostración de compromiso coa cidade" o mantemento pola Xunta de Galicia dos 2,3 millóns de euros do Estatuto da Capitalidade

22/07/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, asinaron en Raxoi o convenio de colaboración para financiar o Estatuto da Capitalidade. A Xunta achega ao Concello 2,3 millóns de euros por este concepto, a mesma cantidade que en 2013.

O convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda, e o Concello de Santiago de Compostela para o financiamento do Estatuto de capitalidade desta cidade, establece o orzamento para facer fronte aos gastos derivados da condición de Santiago como capital da Comunidade Autónoma. Neste ano 2014, esta cantidade ascende a 2.297.550 euros, a mesma que en 2013.

Agustín Hernández cualificou de "moi positivo" e unha "demostración do compromiso da Xunta coa cidade", o mantemento da cantidade achegada en 2013, nun contexto de reducións orzamentarias noutras partidas autonómicas. Indicou que este compromiso tamén se puxo de manifesto no mantemento da cantidade achegada ao Consorcio ou noutros investimentos, como o recentemente anunciado para a continuación das obras na Catedral.

Cara futuros convenios, o alcalde afirmou que defenderá "sempre o mellor para a cidade". A propósito deste tema e do acordo de financiamento para 2015, a conselleira indicou que dependerá do teito de gasto que finalmente se fixe para a Comunidade Autónoma. "A partir de aí comezaremos a planificar o financiamento do Estatuto da Capitalidade para 2015", dixo

Dende 2002
O 24 de xullo de 2002 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 4/2002, de 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade de Santiago de Compostela, co obxecto de regular o estatuto especial desta cidade como sede das institucións autonómicas e polo seu recoñecemento como capital da Comunidade Autónoma. Establécense así os mecanismos adecuados para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.

Neste marco, realizarase unha xustificación do financiamento que consistirá na certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control interno no Concello de Santiago, da toma de razón en contabilidade dos libramentos feitos pola Comunidade Autónoma de que os referidos importes derivan do establecido na Lei 4/2002, e de que estes foron destinados a financiar os gastos do Concello xurdidos como consecuencia de ser a capital de Galicia.

Deste xeito, e co obxectivo de establecer unha coordinación entre a Administración autonómica galega e o Concello de Santiago no referido ás competencias e responsabilidade derivadas da capitalidade, creouse o Consello da Capitalidade.

A fixación de Santiago como sede das institucións autonómicas derivou na necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servizos públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, determinados directamente pola presenza das institucións autonómicas no termo municipal.

Esta lei establece unha previsión de financiamento específico nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma co que se pretende contribuír ao financiamento dos servizos e gastos do Concello motivados por este estatuto de capitalidade.

Compartir: