INCENDIOS

O lume queimou unhas 830 hectáreas do municipio en dez días

14/08/2006 A unhas 830 hectáreas ascende a superficie queimada ata o momento no municipio, segundo indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. O balance do pasado fin de semana deixou unhas 150 hectáreas arrasadas nun total de 43 incendios, dos que oito eran novos e o resto reactivacións doutros existentes. En virtude dos cambios meteorolóxicos anunciados, está previsto que se levante o dispositivo de emerxencia o mércores 16.

De todos os incendios da fin de semana, o máis importante foi o rexistrado na zona do Romaño, onde as lapas se propagaron con especial rapidez e ameazaron as casas. Sánchez Bugallo resaltou "o traballo case heroico dos bombeiros" neste lume, que se logrou sufocar sen que chegara a afectar a ningunha vivenda.

O alcalde referiuse á intencionalidade deste incendio do Romaño, en virtude dunha testemuña que avisou á Policía Local da presenza dunha furgoneta nun lugar onde posteriormente prendeu o lume. Coñecedor das pistas do lugar, o presunto pirómano conseguiu fuxir.

A propósito das causas dos incendios, Sánchez Bugallo insistiu en que a maioría se producen no centro das masas boscosas e non preto dos camiños. Igualmente, destacou que se están a producir preto de lugares habitados e das grandes infraestruturas de comunicación.

A intención do Concello é que o dispositivo de emerxencia posto en marcha ante a vaga de incendios poida levantarse o mércores 16, ante as chuvias que prognostican os meteorólogos. Neste sentido, o alcalde expresou a súa confianza en que sexan "chuvias moderadas", para que non arrastren o ardido. Levantado este dispositivo, o alcalde retomará as súas vacacións ata o 27 de agosto.

Sánchez Bugallo deixou para máis adiante, cando rematen definitivamente os incendios, a valoración definitiva dos danos no termo municipal, así como as medidas a adoptar en coordinación coa Xunta. "Galicia debe iniciar unha nova etapa no rural", dixo referíndose aos últimos anos, caracterizados polo "abandono dos labores agrarios" e ao descoido dos montes. Segundo o alcalde, haberá que formular novos plans forestais "con criterios de sostibilidade e viabilidade".

Compartir: