DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Goberno municipal porá en marcha un servizo de mantemento e conservación de máis de 100 edificios públicos

17/07/2014 A mesa de contratación que adxudicará o servizo de conservación, reparación e pequena reforma ou ampliación de diversos edificios municipais mantivo a súa primeira reunión. Este contrato sae a licitación por 630.800 euros e pretende aforrar custos e tempo ao Concello no mantemento e arranxo das instalacións municipais: centros educativos, instalacións deportivas, centros socioculturais, edificios municipais, vivendas, etc.

O fin perseguido é o de manter os edificios e instalación e o seus espazos libres anexos en perfecto estado de conservación e funcionamento, cumprindo todas as exixencias legais establecidas para os mesmos. Igualmente perséguese asegurar a súa vida útil e a dos seus elementos construtivos, así como un adecuado aspecto. O nivel de prestación dos servizos a desenvolver deberá ser tal que o estado actual dos edificios e instalacións se beneficie coas naturais melloras que o coidado permanente producen. As tarefas previstas para o contrato deberán realizarse asegurando o funcionamento continuo dos edificios e instalacións, minimizando os posibles tempos de parada como consecuencia de avarías e das súas reparacións.

O tipo de licitación do contrato é de 630.800 euros, formado polas achegas de distintas concellerías e departamentos. Todos eles colaboraron na elaboración do catálogo de actuacións a realizar (fontanería, carpintería, ferraxaría, pintura, albanelería e reparación de mobiliario) e de edificios a incluír no contrato. O contrato terá unha duración dun ano prorrogable por outro máis.

Vantaxes operativas, económicas e administrativas
Na actualidade, o mantemento de edificios viña causando moitos problemas por diversas razóns. En primeiro lugar, a imposibilidade de contratar persoal para a brigada de vías e obras polas limitacións na contratación de persoal impostas pola normativa estatal. As xubilacións e baixas minguaron notablemente este servizo, que xa non pode facer fronte aos máis de 100 edificios cuxa conservación e mantemento corresponden ao Concello. En segundo lugar, a necesidade de acudir a contratacións puntuais para calquera arranxo, por puntual e de escasa entidade de que se trate. Finalmente, as adversas condicións climatolóxicas do inverno e da primavera xeraron múltiples problemas de humidades, filtracións, e deterioro en xeral en todos os edificios.

Este novo servizo presenta a vantaxe operativa da resposta inmediata. Así, poderase requirir directamente á adxudicataria, valorándose o tempo de resposta como criterio de adxudicación. Tamén supón un aforro económico, cunha licitación conxunta á que concorren varias empresas, fronte aos actuais contratos menores que, pola súa menor concorrencia, xeran ao mesmo tempo menores baixas nas ofertas. A isto hai que engadir as vantaxes administrativas, xa que ata agora había que tramitar un expediente de contratación por cada actuación. Iso sobrecarga aos funcionarios con tarefas burocráticas e retarda o tempo de resposta.

Compartir: