CONSORCIO

O Consorcio de Santiago e o Seminario Maior asinan un convenio para a posta en marcha dun Obradoiro de enlousados de pedra para canteiros mozos

11/08/2006 O Consorcio de Santiago e o Seminario Maior asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dun Obradoiro de enlousados de pedra para canteiros mozos, en colaboración coa Fundación Laboral da Construcción de Galicia. Este taller, que contará con nove alumnos e tres capataces con experiencia, terá unha duración dun ano e desenvolverase nas aulas e na horta do mosteiro de San Martiño Pinario.

Neste Obradoiro de emprego de conservador de enlousados de pedra, os mozos canteiros recibirán formación profesional especializada nas labouras de restauración e mantemento dos enlousados de granito da cidade histórica de Santiago, co obxecto de garantir a súa mellor conservación e facilitar o ingreso destes mozos no mercado laboral.

Entre as primeiras actuacións deste obradoiro figura a reparación do enlousado da lonxa da fachada do mosteiro de San Martiño Pinario sen custo algún para o Seminario. Ao mesmo tempo, o Consorcio de Santiago puxo en marcha un traballo de investigación nos arquivos municipais co obxecto de recuperar os pregos de condicións técnicas cos que se executaban tradicionalmente os característicos enlousados de grantito. Este traballo, que está practicamente rematado, converterase no manual de boas prácticas para a recuperación destes enlousados.

Os mozos canteiros formandos neste Obradoiro non só traballarán nos proxectos de recuperación do casco histórico de Santiago, senón que poderán desenvolver no futuro esta especialidade de maneira innovadora noutras cidades do país.

Outro dos convenios asinados polo Consorcio de Santiago foi co director da Escola de Arte e Superior de Deseño "Mestre Mateo", Jorge Gallardo Quiroga. O obxectivo do mesmo é a utilización das instalacións do centro coa finalidade de realizar o Obradoiro de formación de conservadores e restauradores de bens culturais. O estuco de xeso, para a restauración dos retábulos da Capela de Ánimas", entre o 21 de agosto e o 1 de setembro. Cómpre lembrar que para as 15 prazas ofertadas deste obradoiro presentáronse 41 restauradores ao remate do período de inscrición o pasado día 9.

Compartir: