COMERCIO

Instalados os primeiros escaparates en locais comerciais baleiros dentro do programa "Espazos activos, escaparates vivos"

15/07/2014 Xa están instalados os primeiros seis escaparates dentro do programa piloto Espazos activos, escaparates vivos, posto en marcha pola Concellería de Comercio. Os escaparates atópanse tanto no Ensanche coma no Casco Histórico compostelán.

A localización exacta dos escaparates instalados é a seguinte:
- O escaparate instalado por Núa (tenda de moda e complementos sito en As Cancelas) atópase en Santiago de Chile 27-29.
- O escaparate de Nanube interiorismo (Ramón Cabanillas, 6º-3B) está na rúa da Rosa, 20.
- O escaparate colocado por A Grileira (Tenda-obradoiro de instrumentos musicais da rúa de Sar, 16) sitúase na Caldeirería, 12.
- O escaparate de Cultura Urbana (tenda de moda xuvenil con dúas tendas, en Fernando III O Santo, 1 e Alfredo Brañas, 9) atópase na praza de Vigo.
- O escaparate instalado por Inmobiliaria DeCasa (inmobiliaria en Doutor Teixeiro, 18-1ºL) está en Santo Domingo de la Calzada, 5.
- O escaparate de Pecados de Compostela (tenda de gominolas en cantón do Toural, 5) sitúase na rúa Nova, 41.

Na próxima semana instalaranse os escaparates de TresDes Interiorismo e de Ela Interiorismo, que se situarán en Doutor Teixeiro, 4. Tamén se colocarán o de Asthor Decoración na rúa do Vilar, 56 e o da perruquería Golfo e Dama no Hórreo, 98.

O programa Espazos activos, escaparates vivos, presentado pola concelleira de Comercio, Reyes Leis, e as asociacións de comerciantes da cidade o pasado mes de abril no Pazo de Raxoi, pretende dinamizar as zonas comercias da cidade mediante a instalación de escaparates en locais que actualmente están baleiros. Trátase dun proxecto piloto no que o Concello fai de intermediario entre propietarios de locais baleiros e empresarios da cidade para, ao mesmo tempo, amosar as posibilidades dos locais e servir de escaparate para negocios xa establecidos.

No proxecto pode participar como expositor toda entidade con sede de actividade no termo de Santiago. É un programa aberto a todos os sectores de actividade pero considérase de especial interese para decoradores, estudos de interiorismo e arquitectura, moblerías, tendas de decoración ou interiorismo. Tamén poden participar os propietarios de locais baleiros interesados en vendelo ou alugalo.

Os propietarios dos locais baleiros teñen como principal beneficio por participar no proxecto a mellora do atractivo e visibilidade do seu local, que terá unha maior promoción e publicidade, polo que se facilitará o seu aluguer ou venda. Os expositores teñen como principal beneficio a posibilidade de dispor de novos espazos para os seus negocios, co custe mínimo da montaxe do escaparate e do consumo da luz do local.

Compartir: