ALCALDÍA

O alcalde trasládalle ao presidente da Xunta o acordo plenario de defensa da demarcación xudicial de Santiago de Compostela

15/07/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, mantivo o seu primeiro encontro institucional co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a súa toma de posesión como rexedor municipal. Na reunión avanzaron en relación a diversos proxectos da cidade nos que está implicado o Executivo autonómico, como a defensa da demarcación xudicial de Santiago, a variante de Aradas, a depuradora da Silvouta, a estación intermodal, as obras de restauración da Catedral ou a creación do Bosque de Galicia.

Agustín Hernández agradeceu ao titular da Xunta a rapidez en atender a súa demanda de entrevista, "unha mostra máis da extraordinaria liña de traballo institucional que historicamente presidiu as relacións entre o Goberno galego e a capital de Galicia, por riba de cores ou de discrepancias políticas". No encontro, púidolle transmitir a Núñez Feijóo as "grandes cuestións que van marcar o presente e o futuro inmediato de Compostela".

Un deses asuntos claves para o futuro da cidade é o mantemento da demarcación xudicial de Santiago. O alcalde trasladoulle ao presidente da Xunta o acordo plenario do pasado 24 de abril, adoptado por unanimidade, no que se insta ao goberno central a que a nova Lei orgánica do poder xudicial contemple o partido xudicial con tribunal de instancia para Santiago de Compostela, e que siga mantendo, cando menos, os servizos que ten na actualidade.

Agustín Hernández insistiu a Núñez Feijóo sobre os prexuízos que tería para a cidade a modificación prevista no anteproxecto de Lei do Poder Xudicial. Así, dende o Concello deféndese que se manteña o tribunal de instancia cunha demarcación que non sexa provincial, mantendo Santiago os seus 14 xulgados actuais.

Restauración da Catedral
O alcalde e o presidente da Xunta coincidiron tamén na "prioridade" que supón manter a restauración da Catedral de Santiago, polo que se comprometeron a seguir traballando na súa recuperación e modernización. Así, Núñez Feijóo asumiu o compromiso de restaurar a totalidade da fachada do Obradoiro: non só as torres ata agora presupostadas, senón tamén o corpo central da fachada, cunha inxección de case 2 millóns de euros de orzamentos da Xunta.

Bosque de Galicia
Outro dos principais asuntos que abordaron na xuntanza que mantiveron o alcalde de Santiago e o presidente da Xunta foi a activación dun proxecto destinado a poñer en valor os terreos sen urbanizar no contorno da Cidade da Cultura. Así, o obxectivo é crear nese espazo o Bosque de Galicia, unha intervención paisaxística completa nas 23 hectáreas que circunvalan a Cidade da Cultura, facendo o Bosque de Galicia e, polo tanto, integrando a Cidade da Cultura nun bosque de Santiago, nun bosque de Galicia.

A superficie deste proxecto será tres veces superior á extensión superficial da Alameda de Santiago, que conta con oito hectáreas fronte ás 23 coas que contará este Bosque de Galicia. Avanzarase así na integración entre a Cidade da Cultura e a urbe de Santiago, a través de escaleiras de acceso ao complexo e de sendas peonís; un bosque no que haberá especies autóctonas propias da Comunidade autónoma.

Capitalidade e Plan Director dos Camiños de Santiago
Durante o encontro, Hernández e Feijóo tamén abordaron outros asuntos concretos, como o estatuto de capitalidade ou o Plan Director dos Camiños de Santiago. Respecto ao primeiro, o mandatario galego avanzou que neste mesmo mes de xullo se elevará ao Consello da Xunta a aprobación do convenio correspondente a 2014 para financiar os gastos de Compostela derivados da súa condición de capital galega, por importe de 2,3 millóns de euros.

Respecto á segunda das materias, o titular do Goberno autonómico transmitiulle ao alcalde compostelán o inicio da tramitación do Plan Director dos Camiños de Santiago que está a elaborar a Xunta, co fin de que o Concello teña un protagonismo especial na súa confección.

Novas reunións
O alcalde e o presidente da Xunta comprometéronse a seguir avanzando nos asuntos que afectan á cidade. Neste sentido, Agustín Hernández marcouse como obxectivo inmediato "manter unha rolda de entrevistas cos respectivos conselleiros para abordar con eles de xeito detallado os proxectos e programas que dependen das súas carteiras, tanto o que xa está en marcha como as cuestións pendentes".

Compartir: