TURISMO

A Quintana vibrou coa música pinchada por Dj Food e as imaxes creadas por Vj Mox no CurtoCircuíto na Rúa

11/08/2006 Dj Food e Vj Mox, membros do selo independente británico de recoñecido prestixio internacional Ninja Tunes, fixeron latir o xoves 10 as pedras da Quintana. Na cuarta sesión de CurtoCircuíto na Rúa xuntáronse preto de un milleiro de persoas para gozar da música e da videocreación en directo destes artistas internacionais.

Había moita xente que só viña para velos a eles en acción, e, aos poucos, foise xuntando nas escaleiras da Quintana, mentres Dj Food e Vj Mox preparaban a súa equipa para comezar unha sesión que duraría tres horas. Neste tempo houbo música e videocreación en directo, que sorprendeu aos paseantes da zona vella compostelá, que se achegaban e quedaban preto do Dj e do Vj gozando da música.

Food tiña preparada unha sesión que ía dende o mellor da música electrónica, hip-hop, pop, rock, samba e ata un pouco de fanfarria do leste europeo, que Mox acompañaba pinchando vídeos en directo e creando imaxes xeométricas de liñas rectas e caras humanas, redondas e ovaladas, mesturadas con fragmentos de filmes e teleseries clásicas que abraiaban ao público.

Mox mesturou nos vídeos que ía pinchando imaxes da cidade que gravara de mañá; imaxes dos tellados da Catedral, da Rúa de San Pedro, torta e de pedra, e das escaleiras de caracol do Museo do Pobo Galego.

Ao final da festa, coa xente rodeando a mesa dos Dj´s e Vj´s, cruzaron o círculo un grupo de hiphoperos locais que ían pasándose o micro, improvisando, namentres Dj Food continuaba nos pratos, dándolles ritmo, e Vj Mox seguía poñendo imaxes na pantalla.

Compartir: